A Xunta reafirma o compromiso cos concellos galegos aos que destinou máis de 141 M€ nos últimos dez anos para mellorar as condicións de vida da veciñanza

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe os novos vestiarios da piscina de Campo Lameiro, concello no que o Goberno galego investiu máis de 462.400 euros nos últimos anos para actuacións ambientais e en infraestruturas

Campo Lameiro (Pontevedra), 20 de outubro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno autonómico cos concellos galegos, aos que destinou 141 millóns de euros nos últimos dez anos para mellorar as condicións de vida da veciñanza, ben a través da Orde de Infraestruturas de uso público ou do Fondo de Compensación Ambiental, cos que se financiaron 3.681 proxectos nunha década.
Alfonso Rueda lembrou que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, mantén entre as súas prioridades o apoio ao concellos para a posta en marcha de actuación de gran utilidade para os veciños que non se poderían realizar en solitario por falta de recursos. Por ese motivo, ao longo deste ano destináronse 15 millóns de euros á Orde de Infraestruturas de uso público e á Orde de Compensación Ambiental, coas que se financiaron 380 iniciativas no ano 2021. O obxectivo é, como dixo o vicepresidente primeiro, “mellorar a calidade de vida dos galegos”, independentemente de onde residan. Os proxectos se subvencionan atendendo ás peticións dos propios representantes municipais, “que son os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños”.
O vicepresidente primeiro reafirmou este compromiso nunha visita a Campo Lameiro para coñecer de primeira man a obra de mellora que se fixo nos antigos vestiarios do campo de fútbol, remodelados para os usuarios da piscina municipal da Chanciña, mellorando así os servizos destas instalacións municipais.
No concello pontevedrés a Xunta investiu máis de 462.400 euros nos últimos anos ao abeiro das dúas ordes de axudas, sexa para actuacións nas instalacións deportivas -como no caso dos vestiarios da piscina- ou para alumeado público, saneamento ou pavimentación das vías públicas, entre outras iniciativas.

Imaxes relacionadas