A Xunta incrementa en 4,4 millóns de euros o investimento en saúde mental no proxecto de orzamentos para 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visita o novo hospital de día psiquiátrico infanto-xuvenil, que comezou a funcionar no CHUS, e se une ao posto en marcha o mes pasado en Vigo

Un equipo de cinco profesionais comezará a atender, de xeito prioritario, a menores de 18 anos con trastornos da conduta alimentaria, risco ou antecedentes de conduta suicida ou trastorno mental grave

A Xunta ten xa incorporados ao 80% dos novos profesionais previstos para os dous primeiros anos de vixencia do Plan de Saúde Mental
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

O investimento da Xunta de Galicia en atención á saúde mental incrementase en 4,4 millóns de euros no proxecto de Orzamentos para 2022 que o Goberno galego ten remitido ao Parlamento de Galicia. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na visita que efectou hoxe acompañado do delegado Territorial, Gonzalo Trenor, e da xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, ao novo hospital de día psiquiátrico infanto-xuvenil, que comezou a funcionar no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Así, o proxecto de Orzamentos para 2022 inclúe incrementos do investimento para saúde mental en todos os capítulos orzamentarios. No referido a persoal, proponse a creación de 43 novas prazas, segundo o previsto para esta anualidade no Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, o que supón un incremento orzamentario de 1,7 millóns.

Por outra banda, no relativo ao gasto corrente prevese unha suba do 23% (1,5 millóns máis) para a partida destinada a servizos concertados de saúde mental. Con este incremento, está previsto levar a cabo acordos de colaboración con entidades sociais e fomentar o uso dos recursos por parte de persoas con trastorno mental atendendo ás súas necesidades. Estará orientado a persoas con trastornos mentais asociados a discapacidade intelectual, dano cerebral e persoas con trastorno mental severo, e suporá un importante incremento nas prazas concertadas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos e unidades residenciais.

No relativo ás transferencias a entidades de saúde mental, adiccións e sociosanitarias, experimentan un incremento de máis de 620.000 euros (592.000 en transferencias correntes e 65.000 en transferencias de capital), o que supón que as partidas combinadas de transferencias a estas entidades acaden os 8,8 millóns de euros.

Estas subvencións están destinadas a desenvolver, principalmente, dúas tipoloxías de programas, por un lado, de atención a persoas con trastornos adictivos en unidades asistenciais, comunidades terapéuticas e vivendas de apoio, e, por outro, de intervención comunitaria en persoas con trastorno mental severo; así como programas de prevención de recaídas en alcoholismo e ludopatía; programas de incorporación social e fomento do
emprego en persoas con trastornos mentais e programas de prevención do suicidio, ademais de investimentos na mellora dos centros destas entidades.

Por último, no capítulo de investimentos auméntase nun 10%, ata os 974.299 euros, a partida destinada a equipamentos necesarios para a execución do Plan de Saúde Mental. A esta partida engádense outra de 500.000 euros coa que se prevé iniciar a reforma do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Ademais, na partida de 2,6 millóns de euros para reformas de unidades no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, inclúese a obra necesaria para poñer en marcha neste unha unidade de hospitalización infanto-xuvenil con ingreso dirixida a pacientes de entre 12 e 16 anos, que sería a segunda Unidade da comunidade, de referencia para preto de 50.000 pacientes do sur de Galicia, das áreas de Vigo, Pontevedra e Ourense.

Hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil no CHUS

O hospital de día infanto-xuvenil de Santiago é o segundo que se pon en marcha dentro do obxectivo marcado polo Plan de Saúde Mental de contar con un dispositivo destas características en cada unha das sete áreas sanitarias no horizonte do ano 2023.

A este respecto, o mes pasado comezou a funcionar o instalado no Hospital Nicolás Peña de Vigo, e está previsto que as áreas de Lugo e Ourense poñan en marcha as súas unidades homólogas ao longo deste ano, mentres que as áreas de Pontevedra, Ferrol e A Coruña teñen programada a posta en marcha deste recurso na segunda fase do Plan.

Un estudo recentemente realizado pola Sociedade Galega de Pediatría de atención primaria observou que, ao redor do 11,5% das consultas, son motivadas por trastornos mentais infantoxuvenís. Os trastornos máis detectados son a depresión (20,9%) e de conducta (16,2%). Nos últimos anos, tense incrementado o número de consultas motivadas por trastornos mentais e do comportamento nos ámbitos infantil e xuvenil, aumentándose a actividade dos servizos de psiquiatría infantoxuvenil, e facéndose necesario o desenvolvemento de recursos que permitan a realización de terapias orientadas á recuperación dos pacientes, e que permitan un acurtamento dos tratamentos en réxime de hospitalización completa.

O novo dispositivo que ten iniciado o seu funcionamento en Santiago, está conformado por un equipo de cinco profesionais contratados especificamente para a súa posta en marcha pero con experiencia asistencial previa en atención á saúde mental infanto-xuvenil: un psiquiatra, un psicólogo clínico, un traballador social, un enfermeiro especialista en saúde mental e un auxiliar de enfermaría.

Sitúase na andar 0 de consultas externas do edificio do Hospital Clínico, e dispón de tres despachos de facultativos, unha consulta de enfermaría, un despacho de traballo social, un aula de traballo familiar/grupal e de formación e dúas salas polivalentes comunicadas. Asemade, conta cunha sala de espera diferenciada da de adultos e dotada de elementos humanizadores.

A súa actividade comezará, de xeito prioritario, pola posta en marcha dun programa de carácter intensivo sobre menores de 18 anos con trastornos da conduta alimentaria; risco ou antecedentes de conduta suicida, trastorno mental grave ou que foran altas recentes da unidade de hospitalización psiquiátrica. A previsión é que, esta unidade, continúe, no ano 2022, desenvolvendo outros programas de tratamento específico dirixidos a abordar problemas comúns en menores con diversos trastornos difíciles de tratar no contexto da consulta ambulatoria pola súa complexidade, como a ansiedade, o manexo do estrés ou da ira ou as técnicas de resolución de problemas.

Área de Santiago e Barbanza

Sinalar, que no eido da atención á saúde mental na área sanitaria de Santiago e Barbanza, no pasado maio comezou a funcionar unha nova Unidade de Saúde Mental ambulatoria no centro de saúde de Ordes, que é xa referencia para a poboación adulta dos concellos da súa comarca.

A nova unidade de Ordes conta cun equipo de 5 novos profesionais: 1 psicólogo, 2 psiquiatras, 1 enfermeira e 1 Traballador Social. Este equipo atende á poboación maior de 16 anos con problemas de saúde mental. Así, o seu labor está a permitir avanzar no tratamento, prevención e rehabilitación dos trastornos mentais, así como diminuír o seu impacto tanto nos pacientes como nas súas familias e achegados.

Plan de Saúde Mental

A Xunta de Galicia xa ten incorporados a 96 dos 120 novos profesionais previstos nos dous primeiros anos do Plan de Saúde Mental, o que representa preto do 80%.

Destes 96 profesionais, 31 son psicólogos, 31 psiquiatras, 12 traballadores sociais, 18 son persoal de enfermería especialista en saúde mental, 2 técnicos auxiliares de enfermería e 2 terapeutas ocupacionais.

A incorporación deste persoal para o Plan de Saúde Mental ten permitido a creación de novas unidades de saúde mental de atención ambulatoria, tanto no eido infanto-xuvenil, coa posta en marcha de novas unidades nos hospitais de Vigo e A Coruña, como no eido dos adultos, como as recentemente inauguradas en Ordes, Tui ou Oleiros.

Tamén se reforzaron os equipos de atención domiciliaria e sociosanitaria en entornos residenciais á saúde mental nas áreas de Santiago, Ourense e Pontevedra, e incorporáronse os profesionais precisos para a posta en marcha dunha unidade de psicoxeriatría en Ourense.


 

Imaxes relacionadas