Sanidade publica o primeiro Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde

O Plan conta o apoio de todas as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT)

Estruturado en seis eixos, o plan dispón de 59 medidas para facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Orde da Consellería de Sanidade pola que se publica o I Plan de Igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde 2021-2024, pactado na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, e asinado o pasado mes de xuño polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e os representantes das organizacións sindicais.

O plan constitúe un fito co que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes se sitúa como un principio básico e transversal en toda a nosa organización, ao recoller un conxunto de accións que teñen por obxecto erradicar os posibles atrancos e prexuízos de xénero existentes, na procura de conseguir que a cultura da igualdade o impregne todo.
O documento, que conta o apoio de todas as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT), estrutúrase en seis eixos, e contempla 59 medidas encamiñadas a avanzar en termos de Igualdade, ademais de corrixir posibles desequilibrios entre o persoal do Sergas.

Eixos e medidas para acadar a Igualdade

Os seis apartados que configuran o plan en materia de igualdade son: o acceso ao emprego público e provisión de prazas; as condicións de traballo e promoción profesional; a formación, información e sensibilización; e o tempo de traballo, corresponsabilidade e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Así mesmo, completan a estrutura do plan: a atención a situacións de especial protección por violencia de xénero, acoso sexual e discriminación por razón de sexo, orientación ou identidade sexual; e as medidas transversais para integrar o principio de igualdade na organización.

O conxunto de medidas que conforman o plan integran a perspectiva de xénero promovendo a igualdade, impulsan a cultura da igualdade de oportunidades e incrementan a protección e a atención das situacións de especial vulnerabilidade.

Entre as mesmas, destacan as destinadas a facilitar o cambio de quenda por motivos relacionados coa conciliación; as referidas a actuacións específicas en caso de infrarrepresentación; a atención a traballadoras en situación de violencia de xénero ou a tolerancia cero ante casos de acoso laboral ou sexual.

Ademais, tamén se garante o dereito das persoas transexuais, tranxénero e intersexuais a ser identificadas na organización co nome e xénero co que se sinten identificadas; e recóllese a creación da figura dun responsable, por área sanitaria, en materia de igualdade e violencia de xénero.

Os obxectivos do I Plan de Igualdade para o persoal do Sergas son, por unha banda, promover a igualdade de xénero para acadar a igualdade real no trato e de oportunidades entre mulleres e homes e diminuír desigualdades e desequilibrios que, aínda sendo de orixe cultural e social, puidesen darse no Sergas. Tamén son obxectivos o de formar, informar e sensibilizar sobre igualdade de trato e oportunidades, e sobre as necesidades específicas das mulleres e os homes, así como o de vixiar de forma especial a discriminación indirecta, entendendo por esta, a situación na que unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutros, pon a unha persoa dun sexo en desvantaxe fronte a persoas do outro sexo.
 

Imaxes relacionadas