A Xunta estrea con máis de 800 usuarios o campus virtual en igualdade laboral e presenta unha nova guía para previr e tratar o acoso sexual nas pemes

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destaca que Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en impartir formación específica on line en eidos referidos a plans de igualdade na empresa, conciliación e corresponsabilidade, acoso laboral ou teletraballo

O novo espazo dixital de teleformación pretende dotar de ferramentas de calidade dun xeito gratuíto a empresas, formadores e usuarios e ofrecer información, formación e sensibilización para acadar o reto de pasar da igualdade legal á real

A formación iniciouse hoxe con dous cursos sobre igualdade laboral e prevención e tratamento do acoso sexual no traballo e proximamente convocaranse as prazas para un taller dirixido ás persoas negociadoras dos plans de igualdade e outro enfocado ás relacións laborais referido á aplicación do principio de igualdade

A nova guía para a prevención e tratamento do acoso sexual e do acoso po razón de sexo nas pemes estará dispoñible para todo o público en xeral na web www.aigualdadelaboral.gal

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

O novo campus virtual de igualdade laboral arrancou hoxe con máis de 800 usuarios inscritos que poderán participar en cursos de formación, webinarios e acceder á información sobre as principais novidades xurídicas na materia. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe en Santiago de Compostela este novo espazo dixital de teleformación que pretende dotar de ferramentas de calidade dun xeito gratuíto ás empresas, formadores e usuarios, ofrecendo información, formación e sensibilización. En palabras da conselleira, “a pesares dos profundos cambios sociais e económicos das últimas décadas, seguimos ante o gran reto de pasar da igualdade legal á igualdade real”.

Así, tal e como explicou, un dos obxectivos que persegue a Xunta é encamiñarse “o máis axiña posible” á igualdade real, xa que expuxo que as mulleres segue enfrontándose na actualidade a “grandes desvantaxes” no mundo laboral. No eido da conciliación, e segundo datos do INE, a nivel de España son as mulleres nun 87,2% as que se quedan na casa.

Lorenzana destacou que co novo campus virtual en igualdade laboral, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en ámbitos referidos a plans de igualdade na empresa, conciliación e corresponsabilidade, acoso laboral ou teletraballo, entre outros. Sinalou, así mesmo, que este novo espazo dixital de teleformación, que Galicia estrea hoxe con dous cursos de formación, responde a unha folla de ruta que ten trazada o Goberno galego no seo das relacións laborais para dar resposta ás necesidades de presente como aos retos de futuro. Así, lembrou que a principios de ano púxose en marcha unha guía para acompañar ás empresas, especialmente ás pemes, na confección e desenvolvemento dos plans de igualdade; e unha ferramenta de autodignose para axudar ás compañías a medir o seu nivel de desenvolvemento en canto á implantación da igualdade de xénero.

Para acceder ao campus virtual é necesario inscribirse a través da páxina web www.aigualdadelaboral.gal/formacion. A formación que se oferta é gratuíta, flexible e de calidade, permitirá acceder a un certificado de aproveitamento e está dirixida a toda a poboación, en xeral, e ao tecido empresarial, en particular. As dúas accións formativas, que comezaron hoxe, céntranse, por un lado, en igualdade laboral con 8 horas de duración e 363 persoas inscritas para facilitar os coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade no seo dunha organización; e en prevención e tratamento do acoso sexual no traballo, de 10 horas de duración con 410 alumnos e alumnas para facilitar mecanismos para a identificación deste tipo de condutas.

Guía contra o acoso sexual

Nesta actividade presentarase unha nova guía para a prevención e tratamento do acoso sexual e do acoso por razón de sexo nas pemes, que tamén presentou hoxe a conselleira. O documento, ademais de poñerse en práctica neste curso, estará dispoñible para todo o público en xeral na páxina web de igualdade laboral.

Nas próximas semanas, Lorenzana explicou que se lanzarán dous novos cursos: un de 35 horas dirixido ás persoas negociadoras dos plans de igualdade e unha serie de talleres teórico-prácticos destinados ás persoas que participan nos procesos de selección, contratación, negociación colectiva, avaliación da actividade preventiva e, en xeral, en proxectos que se enmarcan no eido das relacións laborais no referido á aplicación do principio de igualdade. Ademais, celebrarase unha webinar sobre o rexistro administrativo dos plans de igualdade.

“Coa nova plataforma queremos constituír un espazo de encontro e reflexión onde se constrúa conxuntamente un aprendizaxe colaborativo arredor do concepto da igualdade no eido profesional”, engadiu Lorenzana. Para a conselleira, o campus supón unha ferramenta de formación e asesoramento constantes para que os traballadores, as empresas e a sociedade, en xeral, teña un coñecemento amplo das novidades normativas, recursos, medidas de conciliación e boas prácticas no eido da igualdade laboral.

Imaxes relacionadas