O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, compareceu hoxe na Comisión 6ª para dar conta das iniciativas do Goberno galego para apoiar a recuperación do sector

A Xunta destina 18,37 millóns de euros nos orzamentos do próximo ano para seguir impulsando a modernización do comercio

Valora as medidas destinadas á reactivación do sector e subliña os 20,3M€ xa destinados ao comercio a través dos tres plans de rescate da Administración autonómica

Destaca a iniciativa do Bono Activa Comercio, destinada a incentivar o consumo, que xa permitiu mobilizar 22,8M€ a través da descarga de 231.000 bonos

Incide na aposta pola modernización e a dixitalización do sector que este ano recibiu 773 apoios para desenvolver máis de 2000 actuacións neste eido

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, avanzou esta mañá que a Xunta destinará un total de 18,37 millóns de euros nos orzamentos do 2022 na área de Comercio –un 15% máis que este ano– para seguir impulsando a modernización deste sector en Galicia.

Heredia compareceu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo a petición propia para informar das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para apoiar a recuperación económica do comercio galego, un sector que aglutina 27.000 empresas, máis do 13% do tecido empresarial da Comunidade.

O director xeral, que destacou a colaboración exemplar do comercio durante a pandemia, lembrou que a Xunta mantivo desde un primeiro momento un contacto permanente co sector para acompañalos coas medidas de apoio necesarias para impulsar tanto a reactivación da actividade como a recuperación económica.

Así, fixo un repaso polas principais actuacións levadas a cabo no eido da seguridade, o financiamento, a dixitalización ou a formación e o asesoramento. Neste sentido, puxo en valor as axudas dos tres plans de rescate activados desde a Xunta e que fixeron do comercio un dos sectores máis beneficiados con 9155 solicitudes atendidas por un importe de preto de 20,3M€.

Na súa intervención, Heredia incidiu en que os principais esforzos do Goberno galego se están centrando tanto na reactivación do consumo como na modernización dos negocios. Así, explicou que o programa Bonos Activa Comercio xa facilitou a mobilización de 22,8M€ grazas á descarga de 231.000 bonos que a cidadanía pode utilizar en preto de 5700 comercio adheridos.

No eido da modernización e a dixitalización, a última convocatoria de axudas chegou a 773 comercios que realizarán un total de 2329 actuacións coas que se mobilizarán 7,6M€ para ofrecer aos clientes unha experiencia de compra única e adaptada aos novos hábitos de consumo. Ademais, abríronse liñas de axudas para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos; para a revitalización do comercio de proximidade; para fomentar a comercialización e competitividade da artesanía; ou apoios para impulsar plataformas de marketplace.

Imaxes relacionadas