A Xunta abre mañá o prazo de solicitude dos novos apoios destinados a fomentar o autoconsumo e o almacenamento enerxético nas empresas

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, interveu, esta mañá, nun webinario informativo sobre estas axudas, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ás que se destinan 19,8M€

Prevese unha mobilización de 60M€, así como aforros anuais de 65.000MWh, unha redución de emisións equivalente a 1.150.000 árbores e aforros económicos de 7 millóns de euros ao ano na factura enerxética

Asegura que estes apoios serán claves para reducir o impacto dos prezos enerxéticos na competitividade empresarial e para promover a sustentabilidade

A directora xeral tamén participou nun webinario sobre minaría sostible no que puxo en valor o esforzo das empresas galegas do sector por conseguir as certificacións en Xestión Mineira Sostible

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, interveu, esta mañá, nun webinario organizado polo Inega para informar das novas axudas ao autoconsumo e ao almacenamento enerxético para empresas cuxo prazo de solicitudes abre mañá. Na xornada participaron ao redor de 80 representantes de empresas, clústeres, provedores de servizos enerxéticos, asociacións e entidades públicas e privadas que puideron coñecer de primeira man os detalles desta convocatoria á que se destinan 19,8M€.

A directora xeral destacou a importancia destas axudas no escenario enerxético actual, no que os elevados prezos están tensando a competitividade empresarial e impactando na economía familiar. Por iso, asegurou que esta convocatoria vai ser clave para conter a volatilidade dos prezos enerxéticos e mellorar a sustentabilidade do contorno.

Estas liñas de apoio permitirán impulsar instalacións para autoconsumo, así como o almacenamento. En concreto, poden ser beneficiarios destas axudas as empresas, incluíndo as de servizos enerxéticos; os xestores de polígonos industriais; as persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas; as entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas; e comunidades enerxéticas locais.

Haberá axudas destinadas tanto ao sector servizos como para outros sectores produtivos para realizar proxectos de autoconsumo con enerxías renovables con ou sen almacenamento (preto de 17,2M€); e apoiarase o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes tanto no sector servizos como noutros sistemas produtivos con 2,6M€.

Con estas axudas, de concorrencia non competitiva e financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, prevese mobilizar 60M€, conseguir aforros anuais de 65.000 MWh/ano, así como unha redución de emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, equivalente á acción de 1.150.000 árbores e aforros económicos anuais de 7M€ nas facturas enerxéticas.

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación dá continuidade ás actuacións que leva anos desenvolvendo tanto para impulsar o uso das enerxías renovables como para fomentar o autoconsumo. Uría lembrou que Galicia traballa por ser neutra en carbono en 2050, constituírse nun polo enerxético innovador, ser eficiente enerxeticamente e competitiva en todos os sectores así como renovable e sostible. “Galicia ten capacidade e potencial para posicionarse como rexión referente no eido da xeración renovable, o almacenamento e as tecnoloxías asociadas”, asegurou.

Minaría sostible

A directora xeral tamén participou nunha xornada sobre formación na xestión da minaría sostible organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, na que lembrou o traballo que se está levando a cabo para que Galicia conte cunha estratexia de minaría sostible.

Neste sentido, defendeu que a Xunta aposta por unha minaría que permita o desenvolvemento industrial ao tempo que é compatible co medio ambiente, que favorece o emprego de calidade e que xera oportunidades económicas e sociais no rural. Obxectivos nos que o Goberno galego agarda contar co sector como aliado para lograr, tamén, a modernización das principais cadeas de valor da industria.

Paula Uría aproveitou a ocasión para poñer en valor o esforzo e compromiso das empresas do sector que están a dar os primeiros pasos para conseguir a certificación na norma en Xestión de Minaría Sostible.

Imaxes relacionadas