Ethel Vázquez avanza o gran esforzo investidor da Xunta en Pontevedra en 2022 con case 36 M€ para o hospital Gran Montecelo e 14 M€ para o saneamento da ría

Reitera o obxectivo de rematar as obras do novo hospital público antes do previsto no contrato, entre finais de 2023 e comezos de 2024, garantindo a asistencia sanitaria durante os vindeiros 50 anos dos veciños de 26 concellos

Avanza que a Xunta conta xa coas autorización para realizar voaduras nas zonas de rocha, o que permitirá completar as escavacións nun novo ámbito do futuro hospital

Salienta que os Orzamentos de 2022 impulsarán novos avances no saneamento da ría de Pontevedra, con máis de 9 M€ para o novo emisario submarino, unha vez que se poña en servizo este ano a mellora da depuradora dos Praceres, tras un investimento de 16,5 M€

Subliña a aposta dos Presupostos pola mellora da seguridade viaria e a mobilidade en Pontevedra, coa reforma da PO-546 en Estribela, o acondicionamento da contorna do CEIP de Xeve, ou a actuación prevista na PO-542 en Marcón

Informa da previsión de reactivar nas vindeiras semanas os traballos de reforma da estación de autobuses e subliña os progresos no novo espazo público arredor do río Gafos, cun investimento global de 6 M€ na área intermodal
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe o gran esforzo investidor que prevé realizar a Xunta o vindeiro ano en Pontevedra, con case 36 M€ consignados para as obras do hospital público Gran Montecelo ou os 14 M€ destinados ao saneamento da ría.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou hoxe dos principais aspectos dos Orzamentos da Xunta para 2022 na cidade, no marco dunha visita ás obras da 1ª fase da construción do novo hospital público.

Segundo informou, a execución de Gran Montecelo está a avanzar a bo ritmo, desenvolvéndose xa cimentacións e sendo visible xa parte da estrutura nunha zona, ademais de continuar o movemento de terras e as escavacións noutras áreas. Vázquez Mourelle indicou que a parte máis avanzada é a da zona que ocupará as futuras urxencias pediátricas e de adultos, así como a rehabilitación.

Informou de que existe unha zona de obras condicionada pola presenza de rocha que require a realización de voaduras, que contan xa coas autorizacións necesarias e se realizarán proximamente.

As obras inclúen unha terceira zona de actuación na que existe unha liña soterrada de gas, que precisa do retranqueo, unha actuación prevista para finais de ano.

Ethel Vázquez sinalou que con este ritmo de traballos, a Xunta confirma o seu obxectivo de que as obras poidan rematar antes do prazo previsto no contrato, entre finais de 2023 e principios de 2024.

Subliñou que para que iso poida ser posible os Orzamentos da Xunta para 2022, que esta mañá foron entregados ao Parlamento de Galicia, reservan a partida de 35,59M€ para esta 1ª fase das obras do hospital público Gran Montecelo, que permitirá atender as necesidades asistenciais dos veciños de 26 concellos nos próximos 50 anos.

Destacou, igualmente outros grandes investimentos previstos na cidade, como os que permitirán manter a aposta irrenunciable polo saneamento integral da ría de Pontevedra e pola mellora da calidade das augas, para preservar o futuro da pesca, do marisqueo, da acuicultura e do turismo.

Apuntou que a previsión do Goberno galego é poñer en servizo proximamente as obras en marcha de mellora da depuradora dos Praceres, que se atopan en fase de probas, logo dun investimento da Xunta de 16,5 M€.

Os Orzamentos do ano 2022 permitirán dar un novo impulso ao saneamento, destacando os 9M€ consignados aos traballos do novo emisario submarino, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría. Apuntou que tras a fabricación das enormes tubaxes no taller e acopiadas in situ, as obras comezan a facerse visibles no terreo, avanzando nos pilotes das cámaras do emisario e agárdase en xaneiro a chegada da gran tuneladora especial para a construción do emisario.

De forma complementaria a Xunta está a impulsar outras actuacións previstas no Plan de saneamento local da ría, como o saneamento do río Lameira, en Marín.


A conselleira destacou tamén o pulo á seguridade viaria e á mobilidade sostible nas estradas autonómicas da cidade que permitirán os Orzamentos do ano 2022, con traballos como a reforma da PO-546, cun proxecto en tramitación para a zona da Estribela e avaliando alternativas para mellorar o resto da vía; ou a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade peonil na contorna do CEIP de Xeve, con intervencións nas estradas PO-223 e PO-224, en colaboración con Stop Accidentes, cuxa licitación se está a ultimar.

Referiuse tamén ao impulso doutros proxectos, como os previstos na PO-542 en Marcón ou na PO-531, complementando as melloras executadas nestes anos. Ademais, remarcou outras actuacións previstas na contorna de Pontevedra, como as novas melloras planificadas na estrada PO-313 en Marín ou na PO-308 en Poio.
 

Transporte público

Ethel Vázquez garantiu que a Xunta manterá en 2022 o esforzo realizado nos últimos anos para dotar a cidade e a comarca dun transporte público de calidade, coa renovación de todas as liñas interurbanas e coa tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden desprazarse gratis polos 313 concellos.

Sinalou os inxentes recursos destinados a crear un gran centro de transporte público intermodal, coa remodelación integral da estación de autobuses e a súa conexión coa terminal de tren, un proxecto que ultima a súa execución cun investimento global de preto de 6 M€.

Informou que se está a avanzar no novo espazo público arredor do río Gafos e se agarda poder reactivar as obras de reforma da estación de autobuses nas vindeiras semanas, tras a incidencia provocada pola crise global dos materiais, co obxectivo de rematalas e poñelas en servizo canto antes.
 

Imaxes relacionadas