A Xunta aumentará o orzamento cultural un 6% para reforzar o apoio á creación en todas as súas vertentes

Román Rodríguez presenta o novo espectáculo poético ‘Rompente. Algo que levar á boca’ no que Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón percorrerán oito concellos galegos ata o 25 de novembro dentro do Xacobeo 21-22

Anima a gozar dun outono cultural grazas ao Bono Cultura, que xa conta con máis de 150 establecementos adheridos no seu primeiro día de funcionamento

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia contará o vindeiro ano cun orzamento na área de Cultura de máis de 96M€, o que supón un incremento do 6%, segundo avanzou hoxe o conselleiro Román Rodríguez na presentación do novo espectáculo poético Rompente. Algo que levar á boca, a cargo de Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón, celebrada hoxe na Cidade da Cultura.

Como expresou, este incremento na área cultural do seu departamento reforzará o apoio aos creadores, ás industrias e entidades culturais galegas. Como afirmou, as contas de 2022 darán continuidade á aposta da Xunta por acompañar ao sector e á sociedade na recuperación da normal actividade e permitirá afrontar novos retos.

Como primeira ferramenta, animou a gozar dun outono cultural grazas ao Bono Cultura, o programa de descontos na compra de produtos ou de servizos culturais. No día de onte abriuse o prazo para que establecementos e entidades interesadas en participar se adhiran e xa se superan os 150 inscritos. O bono será efectivo a partir do día 1 de novembro, cando a cidadanía poderá comezar a descargalo desde bonocultura.gal.

O obxectivo, afirmou, é incentivar a demanda nun momento no que a situación sanitaria permite recuperar moita da actividade afectada pola pandemia. De feito, ata finais de ano o Goberno autonómico promoverá mais de 2.500 iniciativas culturais.

Estrea mañá en Pontevedra

Unha desas iniciativas é precisamente o espectáculo Rompente. Algo que levar á boca, a cargo de Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón, que percorrerá oito cidades galegas desde este xoves co apoio da Xunta de Galicia. O titular de Cultura salientou o traballo dos seus promotores, Rompente Grupo de Comunicación Poética, “como autores dunha renovación formal, temática, estilística e literaria nos 70 e un auténtico fito transgresor que escenificou un novo xeito de facer poesía en Galicia”, indicou.

O conselleiro agradeceu o seu esforzo por dar continuidade á actividade cultural galega cun ciclo que suporá “un estímulo para creadores de todas as xeracións que descubrirán un colectivo que experimenta sen medo coa creatividade en todas as súas expresións”.

Con Algo que levar á boca Reixa, Avendaño e Romón xúntanse 40 anos despois cunha proposta na que se mestura poesía con proxeccións audiovisuais para ofrecer un recital de máis dunha hora con accións escénicas, xestuais e construíndo unha polifonía de voces. O espectáculo estrearase este 21 de outubro en Pontevedra, no Teatro Principal ás 21,00 horas e inclúe a meirande parte dos textos do seu último libro Que hostia din os rumorosos?, un volume de poesía ilustrado por Menchu Lamas, Antón Patiño e Rubén Romero, con poemas inéditos, na súa maioría, e estruturado en catro partes.

Tras o seu paso por Pontevedra, a xira -dentro da programación do Xacobeo 21-22- inclúe actuacións na Guarda (22 de outubro no Centro Cultural ás 21,00 horas), Lugo (3 de novembro, Vello Cárcere ás 20,30 horas), A Coruña (4 de novembro, Centro Ágora ás 20,00 horas), Vilagarcía de Arousa (5 de novembro, Salón García ás 21,00 horas), Vigo (14 de novembro, Museo Marco ás 13,00 horas), A Estrada (18 de novembro, Teatro Principal ás 20,30 horas) e Ferrol (25 de novembro, Teatro Jofre ás 20,30 horas).

En todos os casos, o acceso será gratuíto previa retirada do convite na páxina web de cada un dos centros nos que está prevista a actuación do grupo Rompente.

Imaxes relacionadas