A Xunta aposta por un rural activo, feminino e dinamizador para facer fronte ao reto demográfico

A entidade El Hueco puxo en marcha unha ruta polo Camiño de Santiago para reivindicar o papel da muller nas zonas menos poboadas de España

O Goberno galego impulsou 90 casas niño e 90 casas do maior coa finalidade de darlles ás familias un recurso de conciliación entre a vida laboral e familiar

A directora xeral de Desenvolvemento Rural puxo en valor o Programa Leader e o labor dos GDR para dinamizar o agro, así como a contribución dos instrumentos da Lei de recuperación para xerar actividade e mellorar a calidade de vida da poboación

Co programa de desenvolvemento de polos de emprendemento no rural, dotado con 9 millóns de euros para 2022, a Administración autonómica pretende impulsar proxectos de proximidade e fixar emprego no rural

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado da directora xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, recibiu esta mañá o ‘Autobús da Repoboación’ á súa chegada a Compostela logo de realizar un percorrido por distintas localidades de España polas que discorre o Camiño de Santiago.

Esta iniciativa, organizada pola entidade El Hueco, ten como obxectivo reivindicar un rural más activo e feminino. Jacobo Rey destacou que o Goberno galego traballa para impulsar servizos e recursos para que as galegas e galegos queixan e poidan asentarse nas zonas rurais. Neste sentido, destacou a posta en marcha de 90 casas niño e 90 casas do maior que teñen por finalidade a conciliación da vida familiar e laboral, así como a creación de postos de traballo, a súa maioría desempeñado por mulleres.

Lei recuperación da terra agraria

Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, puxo en valor o Programa Leader e o labor dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) na dinamización do agro galego e para facer fronte ao reto demográfico. Ademais, fixo fincapé na contribución dos novos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -fundamentalmente as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta- á xeración de actividade económica no rural, así como á mellora da calidade de vida da poboación.

Nesta mesma liña, Inés Santé salientou tamén a importancia dun dos proxectos tractores presentados pola Xunta que aspira a incorporar fondos Next Generation e que se centra na recuperación integral e sostible do rural galego. Esta iniciativa, destacou, identifícase con dous eixos prioritarios do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, como son a cohesión social e a transición ecolóxica.

Trátase de aplicar as devanditas ferramentas da Lei de recuperación mediante a execución dun cento de polígonos agroforestais e agrupacións de xestión conxunta e de 200 aldeas modelo. Isto suporá a posta en produción de, cando menos, 18.000 hectáreas de terra baixo técnicas de produción sustentables.

Emprego no rural

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, puxo de relevo, que o mellor xeito de desenvolver economicamente as contornas rurais é favorecendo as oportunidades laborais, creando empresas e impulsando o traballo de calidade.

Segundo lembrou, a Xunta traballa en programas como o Emega de emprendemento feminino que este ano conta con 3,2 millóns de euros; ou Aprol Economía Social que, con 3,3 millóns en 2021, fomenta o emprego en cooperativas e sociedades laborais. A Xunta ademais desenvolverá na próxima anualidade polos de emprendemento no rural, un programa que contará con nove millóns de euros para impulsar proxectos de proximidade. Búscase cos mesmos acadar a igualdade de xénero no ámbito do emprendemento, fixar emprego no medio rural e a inclusión laboral das persoas con discapacidade, lembrou Toca.

Imaxes relacionadas