Feijóo lembra o 40 aniversario das primeiras eleccións autonómicas como o inicio do “soño” democrático que constrúe unha Galicia libre, igualitaria e fraterna

“O 20 de outubro de 1981 Galicia empeza a realizar o seu propio soño. Un soño construído con papeletas que deron forma á vontade popular, e iniciaron un camiño que non se interrompeu nestes corenta anos”, di

Resalta que con estes primeiros comicios dá comezo un período sen parangón na nosa historia, no que as enerxías cidadás que permanecían agochadas se despregan en todos os eidos imaxinables
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recordou hoxe o 40 aniversario das primeiras eleccións autonómicas como o inicio do “soño” democrático que constrúe unha Galicia libre, igualitaria e fraterna.

“O 20 de outubro de 1981 Galicia empeza a realizar o seu propio soño. Un soño construído con papeletas que deron forma á vontade popular, e iniciaron un camiño que non se interrompeu nestes corenta anos”, lembrou, subliñando que nesas primeiras eleccións “deixamos de ser un pobo de ausencias para facernos presentes na nosa historia”.

Durante o acto de clausura da xornada conmemorativa celebrada no Parlamento de Galicia, Feijóo resaltou que con estes primeiros comicios dá comezo un período sen parangón na nosa historia, no que as enerxías cidadás que permanecían agochadas se despregan en todos os eidos imaxinables.

Nesta mesma liña, salientou que o xogo de partidos consubstancial coa democracia representativa, xurde en Galicia co contrapunto do galeguismo afectivo no que traballaron arreo homes e mulleres que teiman por tecer vencellos insoslaiables entre os galegos.

“Podemos afirmar que o autogoberno nace con dúas ágoras democráticas: o Parlamento como sede da vontade popular, análogo ás asembleas lexislativas doutras democracias; e xunto a el un foro invisible pero efectivo definido por unha galeguidade na que non está reservado por ninguén o dereito de admisión. Velaí os dous eixos que explican este éxito colectivo que deu comezo o 20 de outubro de 1981”, explicou, incidindo en que ese plus que representa a vivencia común de Galicia explica a principal peculiaridade da democracia galega.

O titular do Goberno galego concluíu salientando que nestas catro décadas, a democracia na Comunidade non só sobreviviu, senón que se fortaleceu. E, sobre este punto, aproveitou o acto para agradecer o labor de todos aqueles parlamentarios pioneiros.
 

Imaxes relacionadas