Na xestión asistencial da EPOC é importante engadir unha perspectiva de xénero e contemplar a influencia dos factores sociais

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destaca as liñas de actuación do Sergas para facer fronte a esta enfermidade

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no acto de inauguración dunha Xornada sobre a Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), celebrada no Edificio Administrativo do Sergas, e dirixida a persoal médico e de enfermería de atención primaria, que na xestión asistencial desta enfermidade é importante tamén engadir unha perspectiva de xénero e contemplar a influencia dos factores sociais, xa que a literatura científica demostra que as mulleres teñen un prognóstico máis desfavorable na agudización da enfermidade e que, unha gran proporción de pacientes, teñen uns ingresos baixos.

Segundo remarcou o conselleiro, o coñecemento sobre as características sociais e clínicas dos pacientes, sobre todo con agudizacións graves, e a súa análise en función do xénero vainos permitir, -dixo García Comesaña-, dispoñer dunha nova visión necesaria para deseñar programas de atención integral, máis individualizados e eficientes.

Resulta evidente que a EPOC, -incidiu García Comesaña-, esixe dunha atención multidisciplinar, mediante uns procesos asistenciais que axuden a diminuír a variabilidade na súa abordaxe, ao tempo que se facilita a continuidade dos coidados e se eliminan as actividades redundantes que non engaden valor á asistencia sanitaria.

Liñas de actuación Sergas

No seu obxectivo de reducir o impacto en morbilidade e mellorar a calidade de vida das persoas con EPOC, o Sergas estableceu, -remarcou o conselleiro-, unha serie de liñas de actuación mantendo os principios de efectividade e eficiencia. En primeiro lugar, elaborou, no ano 2013, o Proceso asistencial integrado da EPOC, onde se recollen os circuítos asistenciais específicos que garanten a máxima axilidade e coordinación dos dispositivos asistenciais, e do que está previsto unha nova actualización.

Xunto ao anterior, o Sergas incorporou a plataforma tecnolóxica TELEA ao seguimento do paciente logo da alta hospitalaria, que facilita o traballo dos profesionais de atención primaria.

Tamén puxo en marcha, en todas as áreas sanitarias, a consulta electrónica, apoiando o traballo dos profesionais tanto de primaria como de hospitaiaria, e evitando desprazamentos innecesarios aos pacientes.

Igualmente, o departamento sanitario galego dotou de espirómetros aos servizos de atención primaria para o diagnóstico precoz da enfermidade e o seu seguimento.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que, nos próximos anos, segundo a Organización Mundial da Saúde, a EPOC será a terceira causa de mortalidade no mundo e representará unha carga asistencial crecente sobre os sistemas sanitarios, polo que a clave está na anticipación, así é que a súa prevención e o seu diagnóstico precoz seguen a ser as medidas máis efectivas.

A Xornada de hoxe, abórdase en catro mesas de traballo, a primeira delas sobre atención integrada; a segunda, sobre o manexo de factores de risco e de complexidade do paciente EPOC; a terceira, na que se trata as estratexias para avanzar na atención integrada a estes doentes e, unha cuarta, na que se fala da atención farmacéutica integral das persoas que padecen esta patoloxía.

A Xornada conta coa participación da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, e do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias.
 

Imaxes relacionadas