A Xunta incrementa nun 6’4% o orzamento destinado aos recursos humanos do Servizo Galego de Saúde

O Executivo galego aumenta tamén nun 9’13% a partida destinada ao persoal de atención Primaria, na súa comparativa co ano 2021

Ao contar cun maior presuposto, o Servizo Galego de Saúde dota con 1.388 novas prazas estables os seus cadros de plantilla

O Sergas crea a nova categoría de facultativo especialista en atención primaria, que combinará a atención ordinaria nos centros de saúde con gardas nos puntos de atención continuada (PAC)
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, presidiu está mañá a xuntanza da Mesa Sectorial de Sanidade, na que abordou xunto coas organizacións sindicais, o incremento do 6’4% na partida orzamentaria que a Xunta de Galicia destinará aos cadros de persoal dos centros sanitarios galegos, durante o ano 2022.
Durante a reunión celebrada está mañá na Consellería de Sanidade, a directora xeral Recursos Humanos informou tamén que do total dos orzamentos destinados ao Servizo Galego de Saúde, o 42,7% ten como destinatario o seu persoal. Así, destacou que respecto do ano 2021, prodúcese un incremento global no orzamento do 6,44% e, no caso específico da atención primaria, unha suba do 9,13%.

Nesta mesma liña, abundou Comesaña Álvarez, ao dispór dun presuposto maior, o Servizo Galego de Saúde incrementa con 1.330 prazas a súa plantilla, respecto do ano pasado. Nesta cifra neta, descóntanse xa as amortizacións de prazas de categorías en extinción, como pode ser a dos médicos de asistencia pública domiciliaria que se realizaron durante este ano, sendo a cifra real de novas prazas dotadas, 1.388.

Os orzamentos contemplan un elevado número de prazas (982) destinadas á estabilización do emprego temporal nas categorías de facultativo especialista de área (409), de persoal de enfermaría (298), persoal técnico superior sanitario (60), persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría (183), e celador do ámbito hospitalario (32).

Pola súa banda, no que atinxe ao persoal residente en formación, MIR e EIR, o incremento de prazas ascende a 162.

Do mesmo xeito, o Plan Galego de Hospitalización a Domicilio contará con novos efectivos nas categorías de médico e persoal de enfermería. Ademais, o Plan de Saúde Mental de Galicia postcovid-19 2020-2024, verá incrementado o seu número de profesionais nas categorías de: psiquiatría, psicoloxía clínica, enfermaría especialista en saúde mental, traballo social, terapia ocupacional e nos coidados auxiliares de enfermaría. O incremento de prazas nestes dous plans suma un total de 49 prazas.

Seguindo coa ampliación dos cadros de persoal, dótase á atención primaria con 28 novos profesionais da categoría de farmacéutico e con 81 enfermeiros. Estas prazas, engádense ás 308 plazas do Plan Galego de atención primaria 2019-2021. A creación destas prazas responde á estratexia do goberno galego de traballar nunha reorganización deste nivel asistencial, que permita desenvolver en plenitude as competencias de cada categoría profesional implicada na atención primaria.

Asi mesmo, dótanse novas prazas para consolidar os nomeamentos de continuidade con 3 anos de vinculación continuada en prazas de cadro, cumprindo o compromiso acadado cos sindicatos asinantes do acordo para este contrato de continuidade, o que permitirá contar cun incremento adicional de 20 médicos de familia en atención primaria, e con 66 enfermeiros.

Creación dunha nova especialidade para a atención primaria

Na reunión desta mañá, a responsable de Recursos Humanos do Sergas informou tamén da inclusión no proxecto de Lei de Medidas para o ano 2022, así como na Lei de Orzamentos, de diversas medidas coas que a Xunta de Galicia procurará paliar grave déficit de médicos de familia cos que conta o sistema sanitario.

Entre elas, destaca a creación dunha nova categoría de facultativo especialista en atención primaria. Os profesionais que accedan a esta nova categoría, desempeñarán as súas funcións nos centros de saúde e atenderán as urxencias nos Puntos de Atención Continuada (PAC), sendo retribuídos de acordo ás condicións singulares de prestación da asistencia sanitaria. As características desta nova categoría serán obxecto de negociación coa Mesa Sectorial.

O Sergas aposta por incorporar novas prazas sen afectar aos médicos de familia que desempeñan na actualidade o seu labor nos PAC e centros de saúde e, xa que logo, evitandolles a obriga de facer gardas. O conxunto de medidas para paliar o déficit de profesionais médicos serán transitorias e, inicialmente, contarán cunha duración de cinco anos.

Plan de ordenación de Recursos Humanos para a atención primaria

Na súa aposta por optimizar a atención primaria, a Administración sanitaria galega comprometeuse a elaborar un Plan de ordenación de Recursos Humanos para este nivel asistencial. Nesta liña, o xerente do Sergas, José Flores, e a directora xeral de Reforma e Planificación Sanitaria, Estrella López-Pardo, informaron dos traballos que se están a realizar para mellorar a capacidade resolutiva de todas as categorías sanitarias da atención primaria. Así, estase a traballar nunha nova axenda de calidade para o seu persoal de enfermaría.

Na liña de incorporar novas figuras neste nivel asistencial, tamén se presentou na Mesa Sectorial a creación da categoría de Dietista-nutricionista, que poderán incorporarse en atención primaria en función dos Plans de Saúde Locais, e que tamén se prevé para incorporar nas áreas de endocrinoloxía dos hospitais.

Na liña de promover as funcións de titoría e docencia especializada, de cara a acadar o maior número de persoal residente en formación, presentouse na Mesa o proxecto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na comunidade autónoma de Galicia, que conta con regulación da figura de xefatura de estudos, cun posto propio no cadro de persoal, promoción das funcións de titoría con melloras na carreira profesional, e xornada especificamente adicada a formación. O prazo de alegacións para as organizacións sindicais está aberto, e remata o 3 de novembro.

Seguindo cos traballos da Mesa Sectorial, as organizacións sindicais foron emprazadas para a primeira xuntanza da Comisión Negociadora do Pacto de selección temporal e para rematar os traballos da Comisión de permisos .
 

Imaxes relacionadas