A Xunta presenta o proxecto do Plan municipal de abastecemento autónomo no concello de Oímbra, cun investimento de 150.000 euros

O obxectivo é dotar a entidade local de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servicio, de competencia municipal

Un total de 6 concellos galegos: Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Oímbra, Baleira e San Xoán de Río participan neste proxecto da Xunta, que ten como obxectivo mellorar a xestión dos abastecementos autónomos

O departamento que preside Ethel Vázquez destina un investimento de 900.000€ para desenvolver estes plans co obxectivo de poder exportalos a outro tipo de sistemas de autoabastecemento de Galicia
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, presentou esta tarde o proxecto de Plan Municipal de Abastecemento Autónomo no Concello de Oímbra, que foi un dos seis municipios seleccionados pola Xunta para levar a cabo este programa piloto.

Mediante esta iniciativa, o departamento que preside Ethel Vázquez trata de dotar as entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servicio, de competencia municipal.

No encontro desta tarde, técnicos de Augas de Galicia deron a coñecer as liñas básicas desta iniciativa, dotada con 150.000 euros neste municipio ourensá, e recolleron información sobre a rede e as infraestruturas existentes cos propietarios e representantes das traídas veciñais e das comunidades de usuarios de augas.

Nesta fase inicial do proxecto, están a manterse reunións cos veciños e representantes das traídas municipais dos 6 concellos que participan nesta iniciativa, que, xunto con Oímbra, son: Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Baleira e San Xoán de Río.

Así, nesta primeira fase estase procedendo á recompilación de información por parte dos técnicos de Augas de Galicia de mans dos responsables das traídas co obxectivo de realizar un inventario e estudo dos sistemas de autoabastecemento.

Posteriormente, acometerase unha análise dos datos recollidos e farase unha proposta de melloras para adoptar nestas redes de subministración de auga potable e, finalmente, elaborarase o documento do Plan Municipal de Abastecemento Autónomo que recollerá as pautas, requisitos e necesidades para este tipo de traídas.

Esta iniciativa da Xunta persegue mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para garantir unha autoxestión sostible e segura.

Estes encontros nos municipios que resultaron seleccionados nesta iniciativa, celebráronse xa en Mondariz, en Oia e en Cerdedo-Cotobade, ademais desta mesma tarde no concello ourensán de Oímbra.

A Xunta destina un investimento de 900.000 euros para desenvolver estes plans, que teñen como obxectivo achegar aos usuarios deste tipo de sistemas de abastecemento as claves para unha autoxestión sostible, segura e resiliente, que poida ser exportada a outro tipo de sistemas de autoabastecemento de Galicia.

 

Imaxes relacionadas