Fernández-Tapias destaca o alto nivel de inserción laboral dos obradoiros de emprego da Xunta, superando o 60 por cento na maioría das especialidades formativas

A delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, asistiu hoxe á presentación da nova web do Museo Meirande de Redondela, deseñada polo alumnado de Redempreg@

O Goberno galego destina este ano un orzamento de 4,8 millóns de euros para os obradorios duais e os formación para o emprego de persoas mozas da área territorial de Vigo

Redondela (Pontevedra), 19 de outubro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe o alto nivel de inserción laboral que rexistran os programas de formación do Executivo autonómico e nomeadamente dos obradoiros de emprego, superando o 60% na maioría das especialidades formativas.
A representante autonómica, quen tivo ocasión de participar hoxe na presentación da nova páxina web do Museo Meirande creada polo alumnado de Redempreg@, o programa de emprego para persoas mozas que esta a piques de finalizar no concello de Redondela, puxo en valor a importancia destes talleres. “Experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, dixo, ao tempo no que salientou a simbioses entre formación e emprego como fórmula de éxito.
Concretamente na edición actual do Redempreg@ fórmanse 16 mozos en carpintaría e vernizado e deseño gráfico.
Neste contexto, Fernández-Tapias recordou que o Goberno galego destina este ano un orzamento de 4,8 millóns de euros ao financiamento de nove obradoiros duais de emprego en 11 concellos da área territorial de Vigo, que suporán a contratación de 172 persoas; e de 5 talleres de emprego para persoas mozas, que formarán e darán opción a traballar a 80 menores de 30 anos.

Fernández-Tapias destacou así a tripla dimensión desta iniciativa, que fixa como obxectivo incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas: mellorando a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolvendo actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e colaborando coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Os obradoiros duais son o Coidando Miñor, que Gondomar comparte con Nigrán e Baiona; o taller Sustentable que promoven Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño; oGranxa da Rúa de Cangas; o Labora V de Moaña; a segunda edición do Redondela Máis que Bela; o obradoiro Porriño Labora; a nova convocatoria do Vigo Capacita; o Somos Mos; e o obradoiro forestal nos montes vigueses a cargo da Mancomunidade.

Tal que como lembrou a delegada territorial, estes obradoiros duais súmanse aos cinco para persoas mozas nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor, aos que o Executivo autonómico destina 1,8 millóns de euros na área territorial. Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración.

Talleres que, tal e como destacou a delegada en presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, son una boa mostra da colaboración cos concellos e de que “cando as administracións sumamos, os beneficios para os cidadáns multiplícanse”, dixo.

Apoio ao emprego local

A actuación enmárcase na aposta do Goberno galego por incrementar a inclusión laboral e a estabilidade dos galegos e galegas e por colaborar cos concellos na contratación de persoas desempregadas. Así, neste senso, destacan, entre outros, as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios; as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas en 163 concellos galegos, ou o programa Aprol Rural para apoiar a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.

O Executivo autonómico traballa así nunha recuperación económica que pon no seu eixo de actuación ás persoas mediante o seu benestar da man do emprego e a inserción laboral, feitos que non se entenden sen a adecuada e progresiva formación e capacitación.

Imaxes relacionadas