Seleccionados 22 actrices e actores para os elencos das novas producións do Centro Dramático Galego

Contrataranse 15 intérpretes para a adaptación de A Peste, de Albert Camus, baixo a dirección de Cándido Pazó, e sete para Ás oito da tarde, cando morren as nais, dirixida por Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez

Foron elixidos a partir das audicións ás 80 persoas aspirantes que pasaron á segunda fase do proceso de selección iniciado no verán

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta, seleccionou os integrantes os elencos que interpretarán os seus espectáculos de produción propia previstos para 2022. Trátase de 22 actrices e actores que lles darán vida ás personaxes da adaptación de A peste, de Albert Camus, con Cándido Pazó como director, e de Ás oito da tarde cando morren as nais, dirixida por Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.

No caso de A peste, cuxa estrea se prevé para o vindeiro xaneiro, actuarán Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador Del Río, Casilda García como nai, Paku Granxa, Luís Iglesia, Antonio Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante.

Ás oito da tarde, cando morren as nais estará interpretado por Camila Bossa, Sabela Domínguez, José Manuel Esperante, Davide González, Alba Loureiro, María Llanderas e Toni Salgado. Esta peza ten a estrea prevista para abril de 2022.

Configúranse así uns elencos que combinan nomes de longa traxectoria na escena profesional galega, con outros que están a iniciar as súas carreiras e que participarán por vez primeira nunha produción da compañía de teatro institucional galega.

Os 22 intérpretes foron elixidos de entre as 80 candidaturas que, dun total de 330 presentadas, pasaron á segunda fase do proceso de selección iniciado o pasado verán, consistente en audicións. A duración dos contratos para as dúas producións será de 3,5 meses, distribuídos entre a data de comezo dos ensaios, prevista para finais de novembro e comezos de decembro, e a fin da exhibición, no primeiro semestre de 2022. As novas producións enmárcanse na aposta do CDG tanto pola dramaturxia galega contemporánea como polos clásicos, co obxectivo de garantir a pluralidade escénica, e en liña coas estreadas este ano: O charco de Ulises, Terceiro acto e Serva me, servabo te.