A AGASP inaugura o curso da promoción de oficiais da Policía Local máis numeroso da súa historia

Son 53 alumnos procedentes de 19 concellos que inician as clases de xeito presencial, recuperando a normalidade tras un curso marcado pola pandemia

Xunto a eles comezaron os cursos selectivos tres inspectores e un inspector principal

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, deulles hoxe a benvida aos alumnos, que recibirán formación específica ata o 3 de decembro

A Estrada (Pontevedra), 19 de outubro de 2021

Un total de 53 oficiais da Policía Local, procedentes de 19 concellos, iniciaron hoxe na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) o curso de promoción máis numeroso da súa historia, superando os 32 do ano pasado, que xa fora o máis concorrido. Xunto a eles, comezaron os cursos selectivos tres inspectores e un inspector principal.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, deu hoxe a benvida aos novos alumnos que inician os cursos de mandos da Policía Local e que recibirán 250 horas lectivas, ata o 3 de decembro, unicamente de xeito presencial, recuperando a normalidade que rachou o ano pasado por mor da pandemia. Aínda que as clases non serán en réxime de internado, a AGASP porá habitacións a disposición daquelas persoas que precisen evitar desprazamentos, sobre todo no caso dos alumnos que proceden de lonxe.
Os oficiais proceden, na súa maioría, dos concellos da Coruña e Lugo, pero tamén de Carballo, Fene, Ferrol, Lalín, Miño, Moaña, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.
Os alumnos dos cursos selectivos de promoción interna recibirán formación en aspectos como habilidades directivas e xestión de equipos, igualdade e violencia de xénero, novas tecnoloxías, seguridade viaria ou menores, ademais de clases prácticas de defensa persoal, tiro e intervención policial.
Dos 53 oficiais que comezan o seu período formativo, 20 proceden dos concellos adheridos ao convenio xeral de procesos unitarios para o acceso ás diferentes categorías de corpos da policía e auxiliares de policía local.
Xunto a eles, comezan os cursos selectivos tres inspectores procedentes dos concellos de Oleiros, Monforte e Poio, e un inspector principal procedente de Arteixo.