A conselleira de Política Social deu conta hoxe dos investimentos para a cidade consignados nos orzamentos de 2022 durante unha visita á escola infantil Virxe do Chamorro

Fabiola García avanza que a Xunta investirá en Ferrol 30,6 millóns de euros para políticas sociais

Supón un incremento do 15% con respecto ás contas de 2021

Arredor dun milleiro de nenas e nenos da cidade beneficiáranse da gratuidade total das escolas infantís, cun investimento de 1,5 millóns de euros para o curso 2022-23

Continuarase coa mellora dos equipamentos sociais, con novas actuacións na residencia de maiores de Caranza, no CAPD Souto de Leixa e no centro de menores

A Consellería xestionará o vindeiro ano un total de 927,4 millóns de euros, un 3,6% máis que na actualidade

Ferrol, 19 de outubro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe que o investimento social en Ferrol medrará o vindeiro ano un 15%, ata chegar aos 30,6 millóns de euros. Díxoo durante unha visita á escola infantil Virxe do Chamorro, na que detallou as principais partidas económicas que os orzamentos de 2022 destinan ao municipio ferrolá neste ámbito.

Fabiola García salientou que a atención ás familias e a conciliación continúan a ser unha prioridade para o Goberno galego. Por iso, a partir do vindeiro curso 2022-23, as familias de arredor dun milleiro de nenos poderán acollerse na cidade ferrolá á gratuidade total das escolas infantís, cun custe estimado por curso completo de 1,5 millóns de euros. Esta medida beneficiará no conxunto de Galicia a uns 20.000 pequenos e suporá un investimento de máis de 30 millóns de euros.

Con esta decisión, Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma na que todas as escolas infantís serán 100% gratuítas —as públicas, as de iniciativa social, as privadas e as que son dos Concellos, sempre que estean ao corrente co Consorcio—; e tanto para os segundos fillos e sucesivos —como ata agora— como para os primoxénitos. A Xunta agarda que o Executivo central se sume a esta medida e colabore no seu financiamento, como xa acordou a semana pasada o Parlamento de Galicia no Debate sobre o Estado de Autonomía.

Máis axuda para os maiores

Ademais de na gratuidade na educación de 0 a 3 anos, os novos orzamentos poñen o aceno na atención aos maiores e persoas con dependencia, e sube un 20% tanto o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) como a partida de axudas directas para financiar unha residencia ou contratar os servizos profesionais dun asistente persoal, que no seu conxunto suman máis de 5,2 millóns de euros.

En canto o apoio ás familias máis vulnerables, destacan os 1,2 millóns de euros destinados á Renda de inclusión social de Galicia (Risga); os case 230.000 euros para a tarxeta básica e os 450.000 euros que se estima que se dirixirán a sufragar iniciativas que desenvolvan entidades locais no campo da inclusión.

Mellora de infraestruturas

Por outra banda, as contas de 2022 tamén recollen un importante esforzo inversor na mellora de equipamentos sociais da cidade. Así, resérvanse 2,2 millóns de euros para continuar coa renovación e dixitalización da residencia de maiores de Caranza; 1,3 millóns de euros para a renovación integral do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) Souto de Leixa e máis de 250.000€ para melloras no edificio e adquisición de equipamento do centro de menores. A estas intervencións engádese o futuro centro de atención residencial ás persoas maiores do Bertón, que financiará a Fundación Amancio Ortega.

No seu conxunto, o orzamento da Consellería de Política Social para o vindeiro exercicio elévase un 3,6%, ata chegar aos 927,4 millóns de euros; o máis elevado da historia e o dobre do que se dedicaba a esta finalidade en 2009.

Imaxes relacionadas