Os orzamentos da Xunta para 2022 investirán máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e equipamento sanitario

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anuncia a incorporación dun equipo PET para o CHUO, así como a renovación de aceleradores lineais ou TACs

O hospital de Ourense recibirá 21,8 millóns de euros en 2022 para a obra de ampliación da hospitalización, as reformas de UCI e Medicina Nuclear e o proxecto dos seguintes edificios

No Día Mundial da loita contra o cancro de mama que se celebra hoxe, o conselleiro destacou o excelente programa de cribado da Xunta de Galicia, que o ano pasado explorou a máis de 136.000 mulleres e detectou preto de 600 cancros

Ourense, 19 de outubro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no transcurso da súa visita aos servizos de Medicina Intensiva e Radioterapia Oncolóxica do Hospital Universitario de Ourense, que os Orzamentos da Xunta para o 2022 suporán un investimento de máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e equipamento sanitario para o conxunto de centros da rede sanitaria pública galega. Así, este investimento posibilitará incorporar, para o Hospital de Ourense, no servizo de medicina nuclear que vaise reformar, un equipo PET, co que se dota a esta provincia da tecnoloxía de tomografía de última xeración para o diagnóstico por imaxe de tumores e patoloxías neurodexenerativas. Trátase dunha tecnoloxía que estaba nas provincias da Coruña e Pontevedra, e que a Xunta quere que estea presente tamén nas de Ourense e Lugo.
Estes orzamentos permitirán, así mesmo, renovar, no hospital ourensán, os equipos de ecografía e completar a modernización dos bloques cirúrxicos coa compra de mesas, lámpadas ou torres de laparoscopia; ademais dos dous aceleradores lineais do servizo de radioterapia. Tamén posibilitarán os orzamentos renovar unha gammacámara e mercar outra, ou substituír catro equipos TAC. A Xunta tamén levara a cabo, neste hospital, a renovación do equipo de anxiografía vascular e o complementará cun novo equipo de anxiografía neurorradiolóxica.
En materia de infraestruturas, -tal e como remarcou o conselleiro-, estes orzamentos van traducirse nun investimento de 21,8 millóns de euros para o hospital de Ourense, posibilitando iniciar a obra do novo edificio de hospitalización e de reforma do materno-infantil, que foi licitado en xullo e que adxudicarase antes de rematar o ano. Tamén fará posible iniciar a reforma da unidade de críticos; e a da unidade de medicina nuclear da que adxudicarase o proxecto en próximos días. Así mesmo, licitarase o proxecto dos novos edificios ambulatorio e administrativo. En consecuencia, estes preto de 22 millóns de euros, van supoñer unha transformación integral do CHUO.

Investimentos para hospitais comarcais e atención primaria

Na súa visita ao hospital de Ourense, o conselleiro sinalou que os orzamentos do vindeiro ano tamén contemplan importantes cantidades para os hospitais comarcais e para atención primaria. En concreto, 1,1 millóns de euros para obras de reforma, xa adxudicadas, do Hospital de Valdeorras nas consultas externas e nas súas áreas de cirurxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia; e 1,3 millóns para comezar a obra de ampliación do Hospital de Verín, proxecto xa adxudicado e do que agora vaise licitar a obra. Así mesmo, estes hospitais beneficiaranse da modernización de equipamentos.
No que atinxe á atención primaria, ademais das partidas destinadas ás obras de reforma que xa teñen adxudicatario proposto en Arnoia e Ribadavia, o conselleiro destacou os 1,5 millóns de euros para iniciar a obra do Centro Integral de Saúde en Ourense, do que xa está a piques de adxudicarse o proxecto.
En definitiva, -referiu o conselleiro-, estes orzamentos consolidan o investimento sanitario da etapa covid para construír a etapa poscovid e supoñen boas novas para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, para esta provincia e para o conxunto de Galicia. En concreto, en materia de persoal, estes presupostos permiten dotar con 1.330 prazas máis de profesionais do ámbito sanitario, no conxunto de Galicia.

Día Mundial da Loita contra o cancro de mama

Con motivo da celebración na xornada de hoxe do Día Mundial da Loita contra o cancro de mama, o conselleiro remarcou, no acto no Hospital de Ourense, o excelente programa de cribado deste cancro que ten en marcha a Consellería de Sanidade, que o pasado ano explorou a máis de 136.000 mulleres e detectou preto de 600 cancros. Nun día como hoxe, o máximo responsable sanitario galego insistiu na necesidade desa prevención e de participar no programa de cribado, sinalando que a participación do ano pasado roldou o 81% e, sendo moi alta, hai que aumentala.
Remarcar que a participación no programa a partir do 2006 é superior ao 75%, que é o obxectivo de participación desexable establecido polas Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico. A alta participación está asociada á divulgación e promoción do programa e á adherencia das mulleres ao mesmo.
Chamar a atención sobre este investimento que faremos en equipamento, -dixo o conselleiro-, serve tamén para trasladar a todas esas mulleres a importancia de participar nos cribados coa garantía de que, no caso de atopar un cancro, a sanidade pública galega vai contar coa aparataxe máis moderna e avanzada para tratalo.
Sanidade destaca que nos anos 2019-2020 realizouse un estudo sobre a supervivencia das mulleres galegas do grupo de idade do programa diagnosticadas de cancro de mama no período 1993-2016. Para os 5 anos de seguimento a supervivencia observada foi do 95,2%. Aos 10 anos de seguimento foi do 87,8% e aos 15 anos de seguimento do 77,8%.
Sinalar que, na visita, o conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Imaxes relacionadas