A Xunta inicia o proceso para adxudicar en alugueiro tres vivendas de promoción pública nas Pontes

O DOG publica hoxe a resolución pola que dá comezo o proceso selectivo dos futuros adxudicatarios destes inmobles, dispoñibles de novo tras quedar vacantes

O sorteo entre os demandantes de VPP no municipio realizarase o 26 de outubro

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento para seleccionar os futuros adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública (VPP) no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez. De acordo coa cualificación definitiva destes inmobles, a súa asignación deberá facerse en réxime de alugueiro e irán dirixidos ao colectivo de maiores de 60 anos ou a menores de 35.

Segundo consta na resolución publicada hoxe no DOG, trátanse de vivendas que, ao abeiro de anteriores procesos selectivos, xa foran adxudicadas pero que na actualidade, volven estar á disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tras quedar vacantes.

Ademais do criterio da idade xa sinalado, os beneficiarios terán que cumprir unha serie de requisitos: estar inscritos ou ter a solicitude de inscrición presentada a día de hoxe no Rexistro único de demandantes de vivenda de Galicia para o municipio das Pontes de García Rodríguez, ter uns ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM, residir ou traballar no concello no que se localizan as vivendas —excepto no caso de emigrantes que desexen retornar—, e carecer dunha vivenda en propiedade.

Para a adxudicación, elaborarase unha listaxe con todas as persoas anotadas no Rexistro como demandantes de vivenda protexida no concello das Pontes e a partir dela, farase un sorteo ante notario o día 26 de outubro. Deste procedemento sairá unha relación de candidatos provisionais, seguindo a orde de selección que se derive do propio sorteo.

A inclusión dunha persoa nesta listaxe, de calquera xeito, non determinará a súa condición de adxudicatario definitivo, en tanto non se acredite que cumpre cos criterios esixidos para poder acceder a estas VPP.

Ambas listaxes de adxudicatarios —a provisional e a definitiva— publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello das Pontes, no da área provincial da Coruña do IGVS e na páxina web deste organismo.

En todo caso, despois da publicación da lista provisional, os solicitantes que se consideren prexudicados disporán dun prazo de 10 días para presentar a correspondente reclamación ante a Comisión provincial de vivenda.