O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou hoxe o certame e recibiu no espazo institucional de Galicia o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación

A Xunta enxalza e promociona en Gourmets a riqueza e a calidade dos produtos galegos do agro e do mar

Ata 61 empresas participan, baixo o paraugas de promoción da Xunta, neste evento de referencia para os produtos delicatessen a nivel europeo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitará a feira o mércores para apoiar as empresas galegas do ámbito marítimo-pesqueiro que asisten a este evento, no que a Consellería conta cun espazo de 378 m² e alberga 24 entidades da cadea mar-industria

Madrid, 18 de outubro de 2021

Galicia ten unha presenza destacada na 34º edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade Gourmets, que se iniciou esta mañá en Madrid e que se prolongará ata o vindeiro xoves, día 21. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, estivo hoxe no certame para apoiar o labor de promoción que desenvolven as 37 empresas agroalimentarias galegas presentes. O responsable da Agacal foi ademais o encargado de recibir o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, no espazo institucional de Galicia.
Neste contexto, José Luis Cabarcos salientou a extraordinaria calidade das producións alimentarias galegas, tanto do mar como da terra, así como a súa proxección e o prestixio acadado nos principais mercados nacionais e internacionais. Algo que, engadiu, se debe á profesionalidade e ao compromiso do sector e tamén ao esforzo coordinado da Xunta en materia de promoción e de fomento da calidade diferenciada.
Precisamente as consellerías do Mar e do Medio Rural teñen cadansúa área expositiva neste certame. Así, o departamento que dirixe Rosa Quintana conta cun espazo de 378 m2 de superficie no que acolle 24 empresas da cadea mar-industria e que dispón dunha aula de degustacións na que se amosan os beneficios dos produtos do mar de Galicia, como os procedentes da pesca artesanal e amparados polo selo de calidade pescadeRías. Tamén se promocionan a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, as conservas de peixes e mariscos e os produtos do mar ecolóxicos e de organizacións de produtores, entre outros. A propia titular da Consellería ten previsto visitar a feira o vindeiro mércores, día 20, para apoiar o traballo das empresas galegas do ámbito marítimo-pesqueiro que asisten a este evento.
Esta difusión realízase baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumir os produtos do mar e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía. Este labor de promoción da calidade e dos recursos do mar galego tamén se realiza a través do espazo dedicado ao ámbito marítimo-pesqueiro que conta con elementos e estruturas que recrean motivos relacionados co mundo do mar e dos peiraos.
Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- participa cun posto de 414 m² de superficie no que acolle un total de 37 empresas agroalimentarias. Así, 15 expositores son de adegas e outros 22 de representantes do sector do viño, carne, queixo, mel, produtos transformados e repostería, entre outros. Nos diferentes espazos danse a coñecer estes produtos coa celebración de diversas catas e degustacións. Tamén están presentes diferentes consellos reguladores.

34 edición de Gourmets

Esta edición número 34 de Gourmets conta con máis de 1.500 empresas expositoras, que fan promoción de máis de 37.000 produtos. Están programadas máis de 800 actividades e agárdase a visita dunhas 70.000 persoas, que poderán percorrer un espazo de 47.000 m². Este salón está considerado como o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen e constitúe unha referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía.

Imaxes relacionadas