O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na presentación da campaña de Meniños Próxima etapa: medrar en familia

A Xunta de Galicia anima a todas as familias galegas a ofrecer un fogar a nenos con necesidades especiais

Nestes momentos hai dez menores, ben con dous ou máis irmáns, con entre 8 e 17 anos, ou con algún tipo de discapacidade ou enfermidade, á espera de adopción

A entidade ofrece acompañamento, apoio e asesoramento ás familias desde antes de iniciar o proceso ata despois do primeiro ano de convivencia

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá, xunto á directora da Fundación Meniños, Mónica Permuy, e Carmen, unha nai adoptiva, na presentación da campaña Próxima etapa: medrar en familia, organizada pola Fundación Meniños para dar a coñecer as adopcións especiais. Durante a súa intervención, Rey Sastre quixo recoñecer e agradecer ás familias o traballo que realizan ao ofrecer un fogar a aqueles nenos que, polas súas circunstancias, teñen menos facilidades para medrar nun entorno familiar, e invitou a todos os galegos a formar parte deste programa.

As adopcións especiais están dirixidas a calquera familia que estea disposta a ofrecer un fogar a menores de entre 8 e 17 anos, nenos que formen parte dun grupo de tres ou máis irmáns ou que posúan algún tipo de discapacidade física, psíquica ou sensorial, ou enfermidade. O director xeral salientou que o único requisito que se esixe para entrar a formar parte deste programa é ter un proxecto adoptivo, sen importar o número de membros da unidade familiar, se ten máis fillos ou calquera outra circunstancia, xa que cada familia pode ofrecer unha resposta axeitada ás diferentes necesidades dos menores.

Nestes momentos hai dez nenos ou adolescentes á espera de adopción, mentres durante a pandemia, nos últimos dezasete meses, outros oito incorporáronse a diferentes familias. Na outra banda, o programa conta con quince familias dispostas a adoptar nenos con estas características. Sen embargo, ao tratarse dun programa vivo, é preciso contar co maior número posible de familias que desexan adoptar para poder atopar o entorno que mellor se adecúa a cada menor.

Todas as familias participantes contan co apoio e asesoramento da Xunta de Galicia, a través da Fundación Meniños, durante todo o proceso de adaptación, desde o momento mesmo en que solicitan información sobre o programa, a través de reunións informativas que se realizan de xeito presencial nas catro provincias, ata que se supera o primeiro ano de convivencia, e mesmo máis tarde se a situación o require.

Imaxes relacionadas