Luis López destaca a “máxima calidade” dos produtos e da cociña galega na presentación da iniciativa 'alimentación consciente' en Pontevedra

O delegado territorial da Xunta asiste ao acto inaugural desta actividade de Cruz Vermella Española, que pretende difundir a aplicación de hábitos saudables na alimentación para mellorar a calidade de vida

Este programa, que se deu a coñecer no Mercado Municipal coa presenza dos máximos representantes de Cruz Vermella e do cociñeiro Kike Piñeiro, conta co apoio da Xunta de Galicia

Pontevedra, 18 de outubro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou a “máxima calidade” dos produtos e da cociña galega na presentación da iniciativa Alimentación Consciente, impulsada por Cruz Vermella Española co apoio da Xunta de Galicia e que tivo lugar no Mercado Municipal de Pontevedra.
O representante autonómico asistíu este mediodía ao acto inaugural desta actividade, que serve de presentación da mesma para toda a comunidade autónoma, xunto ao presidente de Cruz Vermella Española, Javier Tenent, a máxima responsable da entidade en Galicia, Carmen Colmeiro, ou o recoñecido chef galego Kike Piñeiro.
Luis López aplaudíu esta iniciativa, que pretende difundir a aplicación de hábitos saudables na alimentación para mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns, e sinalou que Galicia “é un territorio idóneo para esta actividade, xa que dispoñemos dos produtos, das receitas e das cociñeiras e cociñeiros máis acaídos para desenvolver unha alimentación consciente e saudable”.
Así mesmo, e tras poñer en valor a dieta atlántica e a riqueza dos produtos de proximidade do mercado pontevedrés, o delegado territorial agradeceu a Cruz Vermella o seu traballo global “para favorecer a inclusión social, a saúde, o benestar, os servizos sociais e o coidado da cidadanía”.

Imaxes relacionadas