A Xunta publica a aprobación do proxecto de construción das sendas peonís e ciclistas nas estradas OU-101 e OU-150 en Montealegre e Valdorregueiro, no concello de Ourense

As novas actuacións de fomento da mobilidade sostible e de mellora da seguridade viaria nestas dúas estradas de titularidade autonómica contan cun investimento de case 1,27 M€

Na OU-101 executarase un itinerario de case 1,3 quilómetros, que comezará no punto quilométrico 1+020 e descorrerá pola marxe dereita da estrada para dar continuidade a un treito de beirarrúa, e rematará na zona onde se sitúa un refuxio do autobús

A outra senda, de case 1 quilómetro, descorrerá pola marxe dereita da OU-150, desde o cruce coa estrada N-525 ata o comezo do treito coa ponte sobre o rego de Valdorregueiro

A actuación enmárcase no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Ourense, unha iniciativa coa que a Xunta está a habilitar, nas vías da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de aprobación do proxecto de construción dos itinerarios peonís e ciclistas das estradas autonómicas OU-101, en Montealegre, e na OU-150, en Valdorregueiro, no concello de Ourense.

Esta actuación de mellora da seguridade viaria e da mobilidade nas vías autonómicas conta cun investimento da Xunta de preto de 1,27 millóns euros, nos cales se inclúe o aboamento dos 45 predios necesarios para executar as obras. A intervención é susceptible de contar co cofinanciamento de fondos europeos React-UE.

O DOG de hoxe publica, ademais, a aprobación definitiva do expediente de información pública destes proxectos. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3FLg3ea

Onte mesmo, o Consello da Xunta autorizou o decreto das expropiacións para impulsar as actuación nas zonas destas estradas autonómicas que carecen na actualizade dun espazo propio para o tránsito de peóns, polo que a execución destas sendas suporá unha mellora importante da seguridade viaria para os veciños do municipio ourensán.

A Xunta procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras a finais deste ano ou a principios de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.
A intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez comprende a creación de dous itinerarios peonís e ciclistas no treito de Montealegre, entre os puntos quilométricos 1+020 e 2+130 da estrada OU-101, e no treito de Valdorregueiro, entre os puntos quilométricos 0 e 1+030 da OU-150.

Executaranse dúas sendas de uso mixto de ancho variable, cun mínimo 1,80 metros, adosadas pola marxe dereita das estradas e separadas do tronco por diferentes elementos: vexetación máis bordo, de 1 metro de ancho, un bordo de sinalización ou a combinación de ambos. O bordo irá 3 centímetros elevado sobre a rasante.

O primeiro itinerario peonil e ciclista, de case 1,3 quilómetros de lonxitude, executarase na OU-101 e comezará no citado punto 1+020, para descorrer pola marxe dereita e dar continuidade a un treito de beirarrúa existente, rematando na zona da estrada na cal se sitúa un refuxio do autobús. Ademais reacondicionarase a beiravía, substituíndoa por formigón e colocando un pretil urbano.

O outro itinerario, de case 1 quilómetro de lonxitude, descorrerá pola marxe dereita da estrada OU-150, desde o cruce coa estrada nacional N-525 ata o comezo do treito coa ponte sobre o rego de Valdorregueiro.

Na actuación proxéctase a execución de cinco muros de sostemento realizados en escollera na senda da OU-101 e catro muros de sostemento na senda adxacente a OU-150. O proxecto tamén prevé a instalación das sinalizacións vertical e horizontal e a adecuación das paradas de autobús.

Plan de Sendas de Galicia

Estes novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Ourense como parte da estratexia impulsada pola Xunta, de incremento da seguridade de peóns e ciclistas, debido a que son os usuarios máis vulnerables das estradas, e de promoción dunha mobilidade máis sostible, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes.

A Xunta mantén o seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.