Luis López garante o 'máximo apoio' da Xunta á Protección Civil de Cerdedo-Cotobade para a súa atención cidadá

O delegado territorial en Pontevedra, acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, visita a sede da agrupación e mantén un encontro co seu presidente, Javier Lois, e con algúns dos seus doce integrantes

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior fixo achegas por case 100.000€ para os seus gastos de funcionamento e adquisición de material, como un vehículo pick-up, unha esparexedora de sal, unha carpa, un desfibrilador e dous remolques

Cerdedo-Cotobade, 14 de outubro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, garantíu o “máximo apoio” da Xunta de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade para seguir impulsando os seus servizos de atención cidadá e xestión das emerxencias.

O representante autonómico acudíu esta tarde á sede da entidade, emprazada na localidade de Cerdedo, xunto ao alcalde, Jorge Cubela, para coñecer o seu funcionamento e manter un encontro co seu presidente, Javier Lois, e con algúns dos seus doce integrantes.

“Esta agrupación xurdíu da entidade orixinaria de Cerdedo e, tras o proceso de fusión municipal, extendeuse de xeito exemplar para dar cobertura a todo o territorio cunha evolución e unha traxectoria que a converteron nunha das agrupacións máis destacadas da provincia grazas ao traballo e adicación dos seus compoñentes e ao apoio do Concello e a Xunta de Galicia”, detallou Luis López, que destacou o seu traballo de atención veciñal durante a pandemia e o seu elevado nivel de operativos, con máis de 500 anuais.

Protección Civil de Cerdedo-Cotobade recibíu, ao longo dos últimos cinco anos, preto de 100.000 euros da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os seus gastos de funcionamento e para a adquisición de material, como un vehículo pick-up, unha esparexedora de sal, unha carpa de campaña, un desfibrilador e dous remolques para emerxencias.

Imaxes relacionadas