O Xogade bota a andar unha tempada máis con seguridade e protocolos para as 16 modalidades escolares e 36 federadas

Ademais, propóñense outras actividades de promoción de escalada, golf ou loita, ás que se engadirán deportes urbanos como breaking, skate ou BMX consonte a evolución da demanda deportiva nos últimos anos e a consolidación das novas modalidades olímpicas

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

Un ano máis, e froito do continuo traballo coas federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares, o Diario Oficial de Galicia publica a resolución do 6 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convoca o Programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar) para o curso 2021/22.

As modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar serán un total de 16 como atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, piragüismo-dragóns, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo. A participación nestas actividades e o servizo de transporte serán totalmente gratuítas.

No caso da actividade federada, ata un total de 36 federacións deportivas galegas adhírense ao seguro deportivo de 6 a 16 anos que financia a Xunta de Galicia para apoiar, sólida e eficazmente o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables. As federacións adheridas na tempada 2021/22 son: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, ciclismo, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo, karate, kickboxing, kung-fu, loita, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

Ademais, propóñense outras actividades ao abeiro do programa como: ‘Coñece o meu club’, ‘Proxecto de vida activa e deportiva’, ‘Xogando coa auga e co vento’, ‘Xogos tradicionais e populares’, ‘Espazo lúdico’ (novidade da tempada 2020/21 que propón un traballo colaborativo e inclusivo na clase), así como actividades de promoción de escalada, golf ou loita, ás que se engadirán deportes urbanos como breaking, skate ou BMX consonte a evolución da demanda deportiva nos últimos anos e a consolidación das novas modalidades olímpicas.

Protocolos de actuación

Debido ao contexto actual da pandemia, serán de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación do Protocolo Fisicovid-DXTgalego Xogade 2021/22 publicado na páxina web do programa, que bebe da experiencia do protocolo aplicado na tempada 2020/21. Ademais, teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da Covid-19 das instalacións e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento.

No caso da actividade deportiva federada vinculada co seguro 6-16, realizarase de conformidade cos protocolos das federacións deportivas galegas, baseados no Protocolo Fisicovid-DXTgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia. Os devanditos protocolos están publicados nas respectivas páxinas webs das federacións e son de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos. Asemade, a práctica axustarase aos termos establecidos nas normativas e protocolos das instalacións onde se desenvolvan e ás restricións sanitarias de cada momento.

Imaxes relacionadas