A Xunta comeza a tramitar o anteproxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada da Comunidade

Feijóo explica que ten un triplo obxectivo: regularizar e harmonizar o labor docente dos especialistas e médicos residentes, optimizar a calidade no proceso de formación especializada e incrementar o número de facultativos na sanidade pública

Reafirma o compromiso da Xunta coa formación dos especialistas, substanciado nos máis de 61 M€ que se destinarán en 2022 a este eido, ou na convocatoria en 2021 do maior número de prazas feita ata agora en Galicia

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe do inicio da tramitación do anteproxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade, que se abre agora ás achegas dos interesados.

Durante a rolda de prensa de Consello, Feijóo explicou que ten un triplo obxectivo: regularizar e harmonizar o labor docente dos especialistas e médicos residentes, optimizar a calidade no proceso de formación especializada e incrementar o número de facultativos na sanidade pública.

Deste xeito, sinalou, tramitarase primeiro o texto normativo en Galicia que, facendo uso das súas competencias definirá as estruturas sanitarias docentes, regulará os órganos docentes colexiados e unipersoais e fixará o proceso para autorizar as rotacións externas e as estancias formativas de estranxeiros.

Máis polo miúdo, tamén explicou que o texto incluirá criterios de supervisión dos especialistas en formación e asunción progresiva de responsabilidades, impulsará a formación en competencias transversais, regulará os plans de xestión de calidade docente e o funcionamento da Rede de comisión da docencia de Galicia.

Ademais, destacou a posta en valor da figura dos titores e dos xefes de estudo, recoñecendo a través de baremos as súas achegas, axudándolles na súa carreira profesional ou en concursos de traslado e ampliando as facilidades para exercer a docencia, con redución de horas asistenciais.

Nese sentido, Feijóo indicou que o decreto vén a sumarse ao compromiso do Goberno galego coa formación dos especialistas, substanciado nos máis de 61 M€ que se destinarán en 2022 a este eido, ou a través doutras medidas como a convocatoria en 2021 do maior número de prazas feita ata agora en Galicia. Trátase de un total de 543 prazas, 52 máis que na anterior.

Finalmente, o presidente da Xunta explicou que se convocaron o cen por cento das prazas acreditadas en Galicia. “Non podemos formar máis porque para formar necesítase ter acreditada unha praza de formación”, explicou, ao tempo que reiterou a necesidade de que o Goberno central incremente o número de prazas MIR autorizadas na nosa comunidade para atender ás necesidades de persoal.

Imaxes relacionadas