Sanidade convida á cidadanía a doar sangue e lembra que é preciso obter entre 400 e 500 doazóns diarias para posibilitar o labor asistencial dos hospitais galegos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue subliña que Galicia foi a terceira Comunidade Autónoma con maior taxa de doazón no pasado ano, e que as dificultades derivadas da pandemia sanitaria pola covid non frearon a xenerosidade e compromiso dos galegos e galegas

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu esta maña a doar sangue ata a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que visitou o Edificio administrativo da Consellería de Sanidade en San Lázaro. No acto estivo presente a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López García.

A Consellería de Sanidade salienta a importancia de doar sangue, posto que a necesidade de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos supón obter unha cifra de entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias, para posibilitar, deste xeito, o axeitado desenvolvemento do intenso labor asistencial dos hospitais da rede sanitaria pública galega.

Xenerosidade da cidadanía galega

A Consellería de Sanidade remarca o carácter solidario da cidadanía galega que, mesmo no pasado ano que estivo marcado pola pandemia sanitaria da covid, non freou a xenerosidade e compromiso das galegas e galegos, xa que a nosa Comunidade consolidouse como a terceira do Estado en taxa de doazón de sangue.

O departamento sanitario galego agradece a todas e todos os doantes de sangue a súa inestimable colaboración e compromiso co solidario xesto da doazón, e lembra que se trata dun chamamento xeralizado a todos os doantes de sangue.

Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue subliña que pon a disposición de toda a cidadanía a súa web http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais, como xeito de comunicarse con ADOS ou resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.

Doar, moi sinxelo

Pode doar sangue calquera persoa con máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar a vida.
 

Imaxes relacionadas