O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou as novas instalacións do grupo ourensán Cuevas

A Xunta destaca o éxito da canle Mercaproximidade para dar saída aos produtos do agro durante a pandemia e agradece o compromiso da distribución

José Balseiros lembrou que foron máis de 450 as industrias e produtores que se adheriron a Mercaproximidade e que esta iniciativa facilitoulles a comercialización dos seus produtos malia as dificultades pola pandemia na hostalaría e a restauración

Puxo tamén en valor o compromiso desta empresa coas producións locais como parte dunha estratexia que coincide coa liña de traballo da Xunta a prol das canles curtas de comercialización
 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, realizou unha visita ás novas instalacións inauguradas polo grupo Cuevas o pasado mes de xaneiro e coñeceu a actividade loxística desta distribuidora ourensá, así como o labor dos equipos de oficina e administración. Balseiros estivo acompañado polo director de Compras da empresa, José Antonio Novoa.

Neste acto, o director xeral salientou o compromiso da empresa ourensá de distribución coa iniciativa Mercaproximidade, unha canle alternativa de comercialización posta en marcha pola Xunta durante a pandemia para dar saída ás producións agroalimentarias da nosa comunidade. A esta canle, destacou Balseiros, adheríronse máis de 450 industrias e produtores, que puideron comercializar os seus produtos malia as dificultades xeradas na hostalería e a restauración.

Nesta liña, o director xeral trasladou tamén que o éxito da iniciativa foi posible grazas á participación da práctica totalidade das cadeas de distribución que operan en Galicia, entre elas o grupo Cuevas, un compromiso que agradeceu. Ademais, José Balseiros puxo tamén en valor o compromiso desta empresa coas producións locais como parte dunha estratexia que coincide coa liña de traballo da Xunta a prol das canles curtas de comercialización.

A maiores, o director xeral coincidiu cos responsables deste grupo de distribución na necesidade de estender a toda a cadea de valor, en forma de incremento dos prezos, a suba rexistrada nos custos de produción que están experimentando algúns produtos, caso do leite ou da carne, debido a factores como o aumento dos prezos da enerxía ou de insumos como os relacionados coa alimentación do gando.

Cifras do grupo Cuevas

O grupo Cuevas conta, a día de hoxe, cun total de 37 centros propios e 50 franquicias distribuídas entre as comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León. Ten previsto incrementar estas cifras en breve, mediante o traspaso dos centros adquiridos á asturiana Malaquías Morais. Con esta incorporación, pasará a ter máis de 90 puntos de venda e unha superficie próxima aos 50.000 metros cadrados.

Imaxes relacionadas