O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe as instalacións do centro do día e do centro ocupacional de Noia

A Xunta de Galicia achega preto de 47.000 euros á asociación Misela para desenvolver un programa de atención temperá dirixido a nenos con discapacidade

O Goberno galego tamén destina 194.000 euros anuais a financiar 23 prazas nos centros da entidade, 15 no ocupacional e oito no de atención diúrna

Noia (A Coruña), 14 de outubro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o centro de día e o centro ocupacional da asociación de persoas con discapacidade Misela, emprazado na localidade coruñesa de Noia. Alí, destacou que a Xunta de Galicia achega, gracias á liña de axudas do 0,7% do IRPF, preto de 47.000 euros para a posta en marcha dun programa de atención temperá dirixido a nenos de 0 a 16 anos.

Ademais, o Goberno galego vén de financiar catro novas prazas no centro ocupacional da entidade, cun custe de 40.000 euros anuais. Deste xeito, a Xunta destina 194.000 euros a financiar 15 prazas do centro ocupacional e oito no centro de día de Misela.

Fernando González Abeijón percorreu as instalacións e salientou o labor que alí se leva a cabo diariamente para a mellora da autonomía e da calidade de vida das persoas con discapacidade.

Nos centros de Misela realízanse actividades que axudan a avanzar no desenvolvemento social e persoal mediante a combinación de iniciativas rehabilitadoras e o traballo diario en grupo. Ademais conta con outros servizos de gran importancia como a fisioterapia ou a psicoloxía
 

Imaxes relacionadas