A Xunta reúnese coa Fegamp para informar da optimización dos protocolos de actuación no 112 relativos ás emerxencias con animais

A finalidade é optimizar a mobilización de servizos de emerxencia neste tipo de incidencias coa implantación de novos protocolos

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, mantiveron un encontro esta mañá con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aos que se lle trasladou a modificación dos protocolos internos de actuación que o 112 Galicia levará a cabo nas incidencias relativas á atención das emerxencias con animais para optimizar o emprego do 112 evitando adicar recursos a xestións ordinarias que non requiren dunha intervención inmediata por parte dos organismos competentes, entres eles os concellos.

Na reunión participaron tamén o xerente de Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas, así como os vicepresidentes da Fegamp, Alfonso Villares e Secundino García, e o seu secretario Xeral Eduardo Ramonde.

En datas previas mantivéronse reunións co mesmo obxecto con organismos con competencias nesta tipoloxía de incidencias como Patrimonio Natural ou a Garda Civil.

O obxectivo final das modificacións que se puxeron en común coa FEGAMP é a mellora da xestión deste tipo de incidentes, así como a axeitada mobilización dos servizos de emerxencia para tal fin, de maneira que se optimice a atención que o CIAE 112 da a cidadanía. Para iso, a implantación de novos protocolos de actuación basearase na existencia dun perigo inminente, sexa real ou potencial, para as persoas.

Así, dende o CIAE-112 Galicia xestionaranse todos os avisos nos que os animais se sitúen en localizacións que supoñan perigo real para a cidadanía, por exemplo por afectar á circunvalación en estradas ou vías férreas, ou porque a perigosidade ou actitude agresiva do animal poida provocar unha situación de emerxencia.

A implantación dos novos protocolos de atención para emerxencias con animais farase efectiva o vindeiro día 15 de novembro do 2021.