O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto expropiatorio para o acondicionamento dun total de 14 km desta vía autonómica, ao seu paso polo concello de Folgoso do Courel
A Xunta aproba o proxecto construtivo da 1ª fase de mellora da estrada LU-651, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, que suporá un investimento de 3,38 M€
Esta actuación forma parte das obras proxectadas na vía que une o núcleo de Quiroga co de Seoane do Courel nas que a Xunta investirá máis de 10 M€, compatibilizando a mellora da súa funcionalidade e a seguridade viaria cos valores ambientais
A licitación das obras desta 1ª fase prevese a finais de ano ou principios de 2022 e contan cun prazo de execución de 12 meses
O conxunto da intervención comprende a ampliación desta vía autonómica, permitindo asegurar dous carrís cun mínimo de 3 metros de anchura e beiravías
Executarase unha senda entre o núcleo de Folgoso do Courel e a área recreativa de Traspano-Os Alvares e implantaranse gabias de seguridade transitables
Ademais habilitarase un aparcadoiro para autobuses no entorno de Seoane do Courel, adxacente á parcela na que se atopan os servizos de Protección Civil
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou o proxecto construtivo da 1ª fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-651, no treito entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, que suporán un investimento de 3,38 M€.
Trátase da primeira fase das actuación proxectadas pola Xunta de acondicionamento desta vía autonómica que conecta o núcleo de Quiroga co de Seoane do Courel, no tramo de 14 quilómetros entre Folgoso e Seoane do Courel, no concello lucense de Folgoso.
A execución destas obras, que se realizará por fases, comezará polo citado treito entre Ferrería Vella e Seoane do Courel. O obxectivo da Xunta é licitar esta primeira fase das obras a finais de ano ou principios de 2022. Os traballos contarán cun prazo de execución de 12 meses.
Publicación hoxe no DOG
O Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publica hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución do conxunto do proxecto de mellora da LU-651, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 21+600 e o 35+670.
O proxecto ten como obxectivo a mellora das características deste tramo da LU-651, á que a Xunta destinará un investimento total de máis de 10 millóns de euros, incluíndo o pagamento dos 131 predios precisos para a súa execución
O Consello da Xunta autorizou o pasado 30 de setembro as expropiacións para impulsar esta actuación, e o pasado día 8 deste mes, o DOG tamén recolleu a aprobación do expediente de información pública e definitivamente do proxecto de trazado.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas no cuarto trimestre do ano.
As actuacións proxectadas
Trátase de realizar unha intervención na estrada que compatibilice a mellora da súa funcionalidade e da seguridade viaria cos valores ambientais e paisaxísticos do seu percorrido. Case o 80% do treito considerado son curvas e a recta máis longa é de tan só 96 metros de lonxitude.
As obras prevén a ampliación da plataforma da estrada, permitindo en todo momento asegurar dous carrís de circulación cun mínimo de 3 metros de anchura, con beiravías, agás naqueles puntos onde exista cuneta de seguridade. Para isto, será necesario ampliar 11 pontóns, conservando os muros existentes para minimizar a afección desde o punto de vista ambiental.
No proxecto de ampliación inclúese a execución dunha senda entre o núcleo de Folgoso do Courel e a área recreativa de Traspano-Os Alvares, e a implantación de gabias de seguridade transitables de 90 cm de ancho, que permitan mellorar a seguridade viaria e a drenaxe da plataforma.
Tamén se renovarán os sistemas de contención de vehículos, executaranse cunetas de seguridade e renovarase a rede de drenaxe lonxitudinal e transversal. Ademais, construiranse 19 muros de contención, realizaranse traballos de sostemento de terras e rehabilitarase o firme en todo o treito obxecto das obras.
No marco deste proxecto, prevese tamén habilitar un aparcadoiro para autobuses no entorno de Seoane do Courel, adxacente á parcela na que se localizan actualmente os servizos de Protección Civil.