A Xunta co Xacobeo 21-22 devolve a Vigo a capitalidade internacional da danza co Vigo Porté

A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, destaca o apoio do Executivo galego a este certame, recoñecido como un dos eventos de baile máis importantes de Europa e que espera reunir en novembro a uns 2.000 bailaríns

O I Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo 21-22 disputarase do 25 ao 28 de novembro no Auditorio Mar de Vigo cunha versión híbrida presencial e online

Vigo, 13 de outubro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, vén de confirmar o apoio do Executivo autonómico á celebración da 9ª edición do Vigo Porté, de maneira que a cidade “recupera a súa condición como capital internacional da danza da man do Xacobeo 21-22”.

Así o anunciou hoxe a representante autonómica, quen destacou a relevancia deste certamen, recoñecido como un dos eventos de baile máis importantes de Europa, que espera reunir do 25 ao 28 de novembro de forma presencial a uns 2.000 bailaríns sobre o escenario do Auditorio Mar de Vigo.

O Vigo Porté regresa con máis ganas ca nunca tras o éxito do I Trofeo de Baile Internacional Online Vigo Xacobeo 21-22 celebrado o pasado mes de maio no que participaron 700 bailaríns de 40 escolas de baile con 200 coreografías.

Neste sentido, Fernández-Tapias subliñou o compromiso da Xunta para retener un evento que sitúa a Vigo no mapa internacional da danza e que, este ano e despois de verse aprazado pola irrupción da covid-19, recupera o seu formato físico aínda que cunha versión híbrida online e presencial. Así, defendeu que a colaboración do Executivo galego, a través do Xacobeo, “era un esforzo necesario para garantir a súa celebración na cidade”.

Deste modo, celebrou que bailaríns de todas partes do mundo
poderán volver competir nunha nova edición, a novena xa, e alzarse co I Trofeo de Baile Internacional presencial e o II Trofeo Online do “Vigo Porté Xacobeo 21-22”.

A delegada territorial da Xunta tivo ocasión de reunirse co presentador e presidente do xurado, Javier Castillo “Poty”, e a directora do Vigo Porté, Lorena López, e intercambiar impresións sobre a calidade e potencialidade das escolas de danza gallegas e, nomeadamente, das viguesas. Destacaron así o alto nivel deste certame, pola súa proxección internacional, pola calidade artística e pola profesionalidade dos participantes e o xurado.

Imaxes relacionadas