A Xunta colabora co 31º Festival de Jazz de Lugo para a difusión deste xénero cun cartel internacional

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na presentación do evento, que ofrecerá 23 concertos do 5 ao 21 de novembro

Lugo, 13 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz para a organización do Festival de Jazz de Lugo, que celebrará a súa 31ª edición do 5 ao 21 de novembro cun cartel internacional no que figuran formacións procedentes de Estados Unidos, Reino Unido e Arxentina, así como de diferentes puntos de Galicia e do resto de España.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interveu hoxe na presentación do programa completo do festival, que inclúe 23 citas en tres escenarios da capital lucense: o Club Clavicémbalo, a Casa do Saber e o Círculo das Artes. Neste último espazo tivo lugar o anuncio da 31ª edición, no que tamén participaron representantes de Escobijazz e do resto de entidades e institucións colaboradoras.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou o importante labor de difusión deste xénero musical que vén desenvolvendo o encontro lucense desde as súas orixes, ao tempo que fixo fincapé na gran tradición jazzística non só en Lugo, senón en toda Galicia, como exemplifican tanto as numerosas formacións que se atopan en activo na nosa Comunidade como os seus recoñecementos internacionais. Do bo estado do jazz galego dá conta tamén o festival lucense, no que este ano actuarán Xacobe Martínez Antelo Quinteto, Abe Rábade Trío, Aló Django Quartet, dA Trío, Viruxe e Alfonso Calvo Septeto.

Todos eles compartirán cartel con coñecidos nomes do jazz internacional, como o británico Ray Gelato xunto a The Giants, o trío de tango e jazz do arxentino Federico Lechner coa cantante Sheila Blanco e os estadounidenses The Huntertones & Shayla Steele, Black Art Jazz Colective, Ghost Note, Keny Garret Quintet, Julian Lage Trio e Dave Weckel & Tom Kennedy Project. Procedentes do resto de España, viaxarán tamén ata Lugo o saxofonista Perico Sambeat, Alba Careta Group, Ignasi Terraza e o Fumero Dúo, o quinteto do trompetista David Pastor, Luismo Valladares Quartet, Magalí Sare & Sebastiá Gris, Gonzalo del Val Trío e The Machetazo.