A Xunta promocionará os produtos galegos do agro e do mar na 34ª edición do Salón Gourmets de Madrid

Un total de 61 empresas galegas participarán nesta nova edición do principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía

A conselleira do Mar visitará a feira o próximo mércores para apoiar ás empresas do ámbito marítimo-pesqueiro que asisten ao evento, no que a Consellería conta espazo de 378 m2 que albergará a 24 firmas da cadea mar-industria

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través das consellerías do Mar e do Medio Rural, apoiará ás empresas galegas do agro e do mar que participan na 34ª edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, Gourmets, que se celebrará do 18 ao 21 de outubro en Madrid.

Así, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitará a feira o próximo mércores 20 de outubro, para apoiar tamén ás empresas galegas do ámbito marítimo-pesqueiro que asisten a este evento. Alí a Consellería do Mar contará cun espazo de 378 m2 de superficie no que acollerá a 24 empresas da cadea mar-industria e que dispón dunha aula de degustacións na que se amosarán os beneficios dos produtos do mar de Galicia como os procedentes da pesca artesanal e amparados polo selo de calidade pescadeRías. Tamén se promocionarán a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, as conservas de peixes e mariscos e os produtos do mar ecolóxicos e de organizacións de produtores, entre outros.

Esta difusión realizarase baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumir os produtos do mar e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía. Este labor de promoción da calidade e dos recursos do mar galego tamén se realiza a través do espazo dedicado ao ámbito marítimo-pesqueiro que conta con elementos e estruturas que recrean motivos relacionados co mundo do mar e dos peiraos.

Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- participará cun posto de 414 m² de superficie onde acollerá un total de 37 empresas agroalimentarias. Así, 15 expositores serán de adegas e outros 22 de representantes do sector do viño, carne, queixo, mel, produtos transformados e repostería, entre outros. Nos diferentes espazos daranse a coñecer estes produtos coa celebración de diversas catas e degustacións. Tamén estarán presentes diferentes consellos reguladores. Ademais, o director da Agacal, José Luis Cabarcos, participará na feira o vindeiro luns, 18 de outubro, para apoiar coa súa presenza ás empresas participantes.

Salón Gourmets

O Salón Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía. Esta edición contará con máis de 1.500 empresas expositoras que promocionarán máis de 37.000 produtos. Con máis de 800 actividades programadas, agárdase a chegada de máis de 70.000 visitantes a este espazo de 47.000 m².