Unha delegación da Consellería do Medio Rural, encabezada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), visitou en Roma un dos afamados centros Eataly

A Xunta difunde en Italia a súa experencia no fomento e a promoción da calidade agroalimentaria

José Luis Cabarcos lembrou que Galicia, con 36 “experiencias de calidade”, é unhas das comunidades españolas con maior número de produtos amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas

Salientou ademais a aposta do Goberno galego por impulsar a formación e tamén a presenza en eventos gastronómicos e culturais como fórmulas acaídas para reforzar a difusión e para incrementar o prestixio dos produtos galegos de calidade

Neste establecemento gastronómico de Roma hai un restaurante de cociña española -unha das máis valoradas polos italianos, despois da súa propia- que incorpora diferentes referencias agroalimentarias galegas, especialmente de viños e queixos
 

Roma (Italia), 13 de outubro de 2021

A Xunta difundiu en Italia a súa experiencia en materia de promoción da calidade agroalimentaria. Unha delegación da Consellería do Medio Rural, encabezada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou Roma para trasladar os seus coñecementos e o xeito de facer da Administración autonómica nesta materia. Así, o grupo de expertos da Xunta lembrou que Galicia é un dos territorios de España con maior número de produtos amparados por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, sendo actualmente 36 as “experiencias de calidade” que teñen este distintivo en Galicia.
Como parte desta viaxe, os representantes da Xunta intercambiaron impresións cos seus homólogos italianos sobre o labor de promoción e divulgación que Galicia e o país transalpino desenvolven en materia agroalimentaria. Así, a delegación galega coñeceu, entre outras iniciativas, o centro Eataly máis grande do mundo, situado en Roma e que está centrado na difusión dos valores e na comercialización dos produtos alimentarios italianos de calidade. Nesta visita, os representantes do Goberno galego trasladaron aos xerentes de Eataly o seu convite para visitaren Galicia no futuro, con vistas a reforzar esta cooperación institucional.
O director da Agacal destacou tamén que neste centro gastronómico de Roma existe un restaurante de cociña española -unha das máis valoradas polos italianos, despois da súa propia- que incorpora diferentes referencias agroalimentarias galegas, especialmente de viños e queixos.
Nesta liña, José Luis Cabarcos puxo ademais en valor que o enfoque destes establecementos -situados nalgunhas das principais cidades do país, pero tamén en Estados Unidos- cara o fomento das canles e dos produtos de proximidade coincide coas liñas de traballo da Xunta nesta área. Trátase, segundo explicou Cabarcos, de achegar os produtores o máximo posible ao consumidor final, dentro da filosofía de proximidade, para favorecer un enfoque sustentable dentro da cadea de valor do produto, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental.
O máximo responsable da Agacal salientou ademais a gran capacidade que teñen estes centros para mover produto italiano de calidade, tanto amparado por denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas como con distintivo de agricultura ecolóxica, entre outros marchamos e sinalou que a comercialización constitúe, precisamente, un dos eidos nos que a Xunta fai máis fincapé para impulsar as producións de calidade do noso agro.

Formación en calidade

Os centros Eataly ofrecen tamén formación en materia gastronómica e de fomento dos produtos autóctonos de calidade, un labor que a Agacal impulsa tamén con intensidade a través dun amplo plan formativo pensado tanto para os profesionais en activo como para aquelas persoas que están pensando en incorporarse á actividade agrogandeira ou forestal. Precisamente, José Luis Cabarcos indicou que a aposta pola formación de calidade diferenciada e a conexión directa entre a docencia, a empresa, a promoción e a internacionalización constitúe un dos eixos da iniciativa “Espello do rural” na que está a traballar a Xunta para poñer en valor o Pazo de Quián, en Boqueixón, como referente das producións agroalimentarias galegas de calidade.
Trátase, tal e como sinalou o director da Agacal, de dinamizar continuamente a experiencia que representan os produtos de calidade. Neste mesmo sentido, Cabarcos salientou tamén a organización de eventos, con carácter periódico, centrados na promoción dalgún produto concreto ou de particularidades gastronómicas rexionais. Un labor que a Agacal desenvolve de acordo co sector, estando presente en citas de gran relevancia internacional, tales como o Salón Gourmets ou Alimentaria, así como tamén en certames culturais vinculados ao deporte ou á música -caso do recente Festival de la Luz de Boimorto-. Todos estes eventos, salientou o director da Agacal, contribúen a ampliar a difusión e a incrementar o prestixio dos produtos galegos de calidade.

Imaxes relacionadas