O Consorcio Casco Vello de Vigo adquire un novo edificio no número 20 da rúa San Sebastián

A presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, firmou a operación de compra que supón un investimento de 80.000 euros

Esta compra permitirá nun futuro próximo engadir dúas novas residencias, de aproximadamente 90 metros cadrados cada unha, ao parque do Consorcio

Vigo, 13 de outubro de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta na comarca, Marta Fernández-Tapias, vén de firmar a compra dun novo inmoble adquirido polo CCVV, neste caso no número 20 da rúa San Sebastián. Con esta operación xa son 83 os inmobles adquiridos polo organismo rehabilitador desde a súa constitución no ano 2005.

Segundo informou a representante autonómica, trátase dun solar de 96 metros cadrados, ocupado no seu día por unha vivenda, do que na actualidade tan só mantense en pé a fachada. Deste xeito, en función dos niveis de protección e actuación recollidos na ficha do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello, esta compra permitirá nun futuro próximo engadir dúas novas residencias unifamiliares, de aproximadamente 90 metros cadrados cada unha, ao parque de vivendas rehabilitadas polo Consorcio.

Por outra banda, a delegada recordou a recente aprobación do proxecto de rehabilitación do número 13 da rúa Real que dará lugar á construción, neste histórico edificio da zona baixa do Casco Vello adquirido no 2019, de catro novas vivendas de aproximadamente 91 metros cadrados e un local comercial. O prego de condicións para a contratación das obras desta nova promoción do CCVV quedou aprobado cun orzamento de partida de 575.477,99 euros.

Neste sentido, Fernández-Tapias destacou a intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución, coa adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 115 vivendas de protección autonómica (VPA). Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que, polo momento, carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Imaxes relacionadas