A Xunta convoca por primeira vez axudas para facilitar a actualización informática das organizacións profesionais e asociacións agrarias

O DOG publica hoxe a correspondente orde da Consellería do Medio Rural, dotada con 150.000 euros

Os interesados teñen un mes dende mañá para presentar as súas solicitudes
 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras -e se convocan para o ano 2021- das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións do sector para a adquisición e mantemento dos bens informáticos e dos medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades.

A medida, que é a primeira vez que se convoca e que está dotada cun orzamento de 150.000 euros, ten como finalidade favorecer a actualización informática das organizacións profesionais e asociacións agrarias. A contía das axudas será do 50% dos custos subvencionables, cun límite máximo de ata 30.000 euros para as organizacións profesionais e de ata 15.000 euros no caso das asociacións.

Os interesados nestas subvencións teñen un prazo de un mes dende mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para presentar as súas correspondentes solicitudes.