A Xunta recibe 16 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense entre Bemposta e a N-525, que pechará a circunvalación polo sur conectando coa A-52

Das ofertas presentadas 3 están conformadas por UTE, englobando un total de 19 empresas

O trazado proposto reducirá o percorrido desde Bemposta ata a N-525 e a A-52, desde os 4,6 km e 7 minutos actuais ata os 1,7 km e pouco máis de 1 minuto

A redacción do proxecto foi licitada por 157.00 euros cun prazo de execución de 16 meses

Esta infraestrutura estratéxica, que suporá un investimento autonómico de 6 M€, ten por obxectivo reforzar a seguridade viaria, sacando tráfico do centro de Ourense e desconxestionando rúas como Marcelo Macías ou a avenida de Zamora

A actuación sumarase ao novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, en servizo hai máis dun ano cun investimento da Xunta de 22 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 16 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525, que suporá pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52.

Das 16 ofertas presentadas, 3 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 19 empresas.

O contrato de redacción do proxecto, licitado por 157.000 euros, impulsa esta actuación estratéxica para os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, pero tamén con funcionalidade para toda a área.

Os traballos obxecto deste contrato, para os que se estiman un prazo de 16 meses, inclúen o período de información pública, a redacción do proxecto construtivo e os informes das distintas administracións, xa que serán preceptivos informes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de Adif ou da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

O trazado desta actuación xa estaba previsto no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense, aprobado polo Consello da Xunta no ano 2014.

A intervención, que suporá un investimento da Xunta de 6 millóns de euros, prevé reducir o tempo de viaxe, cun acurtamento do percorrido desde Bemposta ata a N-525 e a A-52, pasando dos 7 minutos e 4,6 km actuais a pouco máis de 1 minuto e 1,7 km.

Tamén suporá un reforzo da seguridade viaria, ao sacar tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito doutras rúas como Marcelo Macías ou a avenida de Zamora.

Definición das características

A redacción do proxecto construtivo definirá a intervención, que comezará en Bemposta, cunha glorieta na confluencia das dúas estradas OU-105 e OU-510 e finalizará con outra rotonda que dará acceso ao enlace Ourense sur da A-52, xa en San Cibrao. Ambas as glorietas enlázanse mediante un trazado de 1,7 km, configurando unha estrada dun carril por sentido.

A execución desta nova vía exixe a construción dunha ponte sobre o río Barbaña, de 70 metros de lonxitude; un muro de contención no camiño baixo a ponte; un paso baixo o ferrocarril e outro paso para dar continuidade a camiños.

Trátase de dar continuidade á estrada autonómica OU-510, no treito Rairo-Bemposta co obxectivo de pechar a circunvalación de Ourense polo sur. Prolongarase a estrada OU-510, que une a OU-536 no Ceboliño coa OU-105 en Bemposta, para conectala coa N-525 e coa A-52, completando un viario de circunvalación perimetral da cidade, que dará funcionalidade ao conxunto da área de Ourense.

Esta infraestrutura sumarase ao novo acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, en servizo hai algo máis dun ano cun investimento da Xunta de 22 M€.