A Xunta coproducirá un espectáculo no marco da Bolsa de Dramaturxia e Creación impulsada polo Centro Dramático Galego e o sector teatral

A compañía que resulte seleccionada recibirá ata 12.000 euros para levar a escena unha peza a partir do texto Relato dun incendio, de Ernesto Is, gañador da primeira fase da iniciativa

O prazo para presentar solicitudes á convocatoria publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais prolongarase ata o 25 de outubro

Complétase así o obxectivo de realizar un acompañamento integral dunha montaxe, desde a escrita ata a produción e distribución

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2021

A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), coproducirá un espectáculo no marco da primeira Bolsa de Dramaturxia e Creación impulsada polo Centro Dramático Galego (CDG) co apoio de diversos colectivos do sector teatral e cultural. A compañía que resulte elixida no proceso de selección aberto deberá realizar unha montaxe a partir do texto Relato dun incendio, do dramaturgo Ernesto Is, gañador da primeira fase desta iniciativa a prol do acompañamento integral dunha peza, desde a escrita ata a produción e distribución.

Mediante esta segunda fase, o proxecto seleccionado recibirá ata 12.000 euros para a posta en escena do espectáculo. Segundo as bases publicadas na web da Agadic, a achega non pode superar o 80% do orzamento da produción e o prazo para a execución dos contratos que se formalicen é de 12 meses improrrogables desde a adxudicación.

A convocatoria vai dirixida a profesionais das artes escénicas que desenvolvan a súa actividade maiormente en Galicia. Así, as persoas ou compañías interesadas en participar dispoñen ata o 25 de outubro para enviar a súa solicitude a través do modelo xenérico dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Xunto a ela, cómpre incluír unha memoria de dirección e a ficha de produción, cos datos da compañía, dirección, equipo artístico, meses de produción e data prevista de estrea. Requírese tamén información do interese de cultural e artístico do proxecto, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos, o apoio doutras estruturas na coprodución e financiamento, e o orzamento. Para a valoración nomearase unha comisión presidida polo director do Centro Dramático Galego e formada por representantes dos colectivos adheridos á iniciativa.

Apoio a toda a cadea de valor teatral


A Bolsa de Dramaturxia e Creación lanzouse o 27 de marzo, Día do Teatro, co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor dun espectáculo teatral. Unha vez executada a contratación desta segunda fase da convocatoria, a previsión é realizar funcións no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, da montaxe resultante e que se sumen á súa exhibición outros espazos e festivais colaboradores.

Relato dun incendio pon en conexión dous acontecementos que tiveron lugar na comarca coruñesa de Ordes en momentos moi diferentes. Por unha banda, os estudos etnográficos dun antropólogo danés na década dos 60 e, por outra, a ruta incendiaria dunha veciña da zona en 2016. Co obxectivo de investigar a loucura como factor alterante nas persoas, influíndo no comportamento ata rachar coa realidade e poñer en perigo vidas, o autor integra ambos feitos nos mecanismos de ficción teatral. Para isto utiliza persoas, imaxes, relatos e situacións auténticas para artellar unha dramaturxia cos preceptos do denominado Teatro Verbatim, que mestura artes escénicas con documentos e testemuños reais.

O texto íntegro de Relato dun incendio está tamén dispoñible para a súa descarga desde as webs da Agadic e do CDG, onde se especifica que a súa difusión queda estritamente ligada á Bolsa de dramaturxia e creación e non se autoriza o seu uso fóra deste contexto.