A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou telematicamente o convenio polo que os tres concellos se benefician anualmente da achega económica para o financiamento de actividades educativas e sociais

A Xunta renova a colaboración cos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña pola explotación do encoro do Umia, por un importe de preto de 400.000 €

Cada un destes municipios percibirá máis de 130.000 euros de Augas de Galicia

Neste acordo tamén participa como entidade colaboradora a Deputación Provincial de Pontevedra, que asume o labor de administrar estes fondos autonómicos entre os tres concellos e de velar pola súa correcta aplicación

Desde 2002 estes tres concellos levan recibido da Xunta 7 millóns de euros do canon do encoro que axudaron a apoiar actuacións culturais e de asistencia social

Santiago de Compostela, 11 de outubro

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou telematicamente a renovación do convenio de colaboración cos concellos de Caldas de Reis, de Cuntis e de Moraña, en compensación pola explotación do encoro do Umia.

O convenio recolle o acordo polo que Augas de Galicia destinará 392.535 euros do canon de explotación do encoro ao financiamento de actuacións educativas e sociais nestes tres municipios da provincia de Pontevedra. Neste acordo participa ademais, como entidade colaboradora, a Deputación Provincial de Pontevedra, que asume a tarefa de administrar estes fondos autonómicos entre estes tres concellos e velar pola súa correcta aplicación.

Os concellos de Caldas de Reis, de Cuntis e de Moraña benefícianse anualmente da achega económica á que está suxeita a empresa titular da explotación hidroeléctrica da presa de Caldas de Reis, en base á concesión da explotación outorgada pola entidade hidráulica da Xunta.

A cantidade achegada por Augas de Galicia é de algo máis de 130.000 euros para cada un destes concellos, que poderán financiar con cargo a estes fondos actividades educativas e sociais que se organicen desde o día 1 de xaneiro de 2021 e ata o 31 de decembro deste mesmo ano.

Desde o ano 2002 ao 2020, a Xunta de Galicia leva asignados 6,6 millóns de euros en concepto de canon de explotación do encoro de Caldas de Reis a estes municipios, que serviron para financiar actividades educativas, culturais e de asistencia social dos concellos de Caldas de Reis, de Cuntis e de Moraña. Coa renovación do convenio asinado hoxe, a suma percibida por estes municipios elévase ata os 7 millóns de euros.

A través deste convenio, o departamento que preside Ethel Vázquez, incentiva axudas á xestión municipal e impulsa a colaboración entre administracións.