Galicia e Uruguai buscan reforzar lazos comerciais no ámbito marítimo-pesqueiro

A conselleira do Mar reuniuse no marco da feira Conxemar co cónsul xeral de Uruguai en Galicia e co vicepresidente da Administración Nacional de Portos de Uruguai

O obxectivo deste tipo de accións é a busca de novas oportunidades de negocio e de mercado para as empresas da cadea mar-industria de Galicia así como difundir e compartir o bo saber facer da comunidade galega neste eido

Vigo, 11 de outubro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo a semana pasada unha xuntanza co cónsul xeral de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez, e co vicepresidente da Administración Nacional de Portos de Uruguai, Daniel Loureiro, onde manifestaron o interese de colaboración entre a comunidade galega e Uruguai en materia portuaria e marítimo-pesqueira. O obxectivo do encontro, celebrado no marco da XXII Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar, é reforzar os lazos comerciais existentes entre ambas partes pois algunhas frotas galegas que faenan no Atlántico central e suroeste empregan portos de Uruguai como o de Montevideo.
Nesta liña, a titular de Mar puxo de manifesto na reunión que o obxectivo deste tipo de accións é avanzar na busca de novas oportunidades de negocio e mercado para as empresas da cadea mar-industria de Galicia así como difundir e compartir o bo saber facer da comunidade galega no eido marítimo-pesqueiro.
Rosa Quintana tamén destacou o valor dos portos para a economía galega e explicou aos representantes de Uruguai o contexto portuario de Galicia configurado por 122 peiraos de competencia autonómica e cinco autoridades portuarias de titularidade estatal. Este encontro dá continuidade a algún dos asuntos abordados na reunión mantida en xuño entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o cónsul xeral de Uruguai en Galicia.
Na xuntanza tamén estiveron a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, a xerente da Área de Comercialización da Administración Nacional de Portos de Uruguai, Ana Rey, e o presidente da Casa de Galicia en Montevideo, Alberto Walter Iglesias.

Imaxes relacionadas