O 061 de Galicia asistiu a 71 persoas por 50 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 8 de outubro ata as 23,59 horas do domingo, 10 de outubro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 64 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 11 de outubro de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 71 persoas debido a 50 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 8 de outubro, ata as 23,59 horas do domingo, 10 de outubro. O sábado foi o día no que se rexistraron máis sinistros, con 26 accidentes de tráfico.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 64 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 50 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 71 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 63% e do 37% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 31% dos atendidos tiña entre 30 e 44 anos.
Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 22 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes

A Coruña

22
Lugo
4
Ourense
9
Pontevedra
15
Galicia
50

 

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 65. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en catro accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu en dúas ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 53 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes.
En 60 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 10 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa resultou falecida no punto.