A Xunta organiza a semana que vén no CFEA de Sergude un seminario sobre a instalación de miniplantas de biogás nas explotacións galegas

Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a acción está prevista o xoves 14 de outubro, de 10,00 a 14,00 horas

Enmarcada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2021, a iniciativa persegue dar a coñecer as posibilidades do biogás nas explotacións e os beneficios ambientais asociados
 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar o próximo xoves 14 de outubro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude un seminario sobre a instalación de miniplantas de biogás nas explotacións galegas. Enmarcada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2021, a iniciativa desenvolverase de 10,00 a 14,00 horas.

O obxectivo da acción -que será impartida por técnicos de empresas instaladoras deste tipo de miniplantas- é dar a coñecer as posibilidades do biogás nas explotacións como xerador de enerxía eléctrica, como produtor de calor -para quentar auga ou nos sistemas de calefacción- e mesmo como biocombustible. Así mesmo, detallaranse os beneficios ambientais asociados para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Deste xeito, o programa inclúe a explicación do que é o biogás, as súas posibles aplicacións e os aspectos a ter en conta para saber se é rendible apostar por el, segundo as características de cada explotación. Nesa liña, os técnicos que impartirán o curso presentarán senllas solucións para estudar a súa viabilidade económica nunha explotación tipo, aportando datos de investimento inicial, custos de mantemento, rendemento económico, así como as axudas ás que se pode optar para a instalación destas miniplantas.

Esta acción de transferencia está dirixida a gandeiros e agricultores titulares de explotacións, a mozos e mozas que desexen incorporarse a ditas actividades, a traballadores agrarios, a técnicos relacionados co sector e a estudantes da rama agraria. Todos os interesados en acudir poden solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo cursos.agacal.sergude@xunta.gal, tras cubrir a solicitude que poden descargar na seguinte páxina: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/transferencia-tecnoloxica/plan-de-transferencia-tecnoloxica-2021. Se precisan solicitar calquera información adicional, poden chamar ao teléfono 881867332.

A Agacal, a través do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego, busca dar a coñecer novidades no sector ou a aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes en condicións onde tradicionalmente non se empregasen previamente, como é o caso da que centra este curso. Para consultar as accións englobadas no Plan deste ano 2021 pode consultarse o seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/actividades-formativas/transferencia-tecnoloxica#xornadas_2021.