Galicia destina 19,8 M€ ao autoconsumo e almacenamento enerxético para conseguir aforros anuais de 7 M€ nas facturas das empresas

As novas liñas de axuda da Xunta, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, abrirán o prazo de presentación de solicitudes o vindeiro 21 de outubro

A porcentaxe dos apoios, segundo o tamaño da empresa, do proxecto e da tecnoloxía, irá do 15% ao 65%

Prevese unha mobilización de 60M€, así como aforros anuais de 65.000MWh e unha redución de emisións equivalente a 1.150.000 árbores

As axudas permitirán que as empresas consigan rebaixar a súa factura eléctrica nun momento na que a escalada de prezos está afectando á competitividade empresarial
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas destinadas a fomentar o uso do autoconsumo eléctrico a partir de enerxías renovables, para as que contará cun orzamento de 19,8M€. Dirixida a empresas, esta convocatoria permitiralles aforrar ao redor de 7M€ ao ano nas súas facturas enerxéticas.

Estas liñas de apoio, cuxo prazo de solicitude abrirá o 21 de outubro, impulsarán instalacións de fotovoltaica e eólica para autoconsumo, así como o almacenamento. En concreto, poden ser beneficiarios destas axudas as empresas, incluíndo as de servizos enerxéticos; os xestores de polígonos industriais; as persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas; as entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas; e comunidades enerxéticas locais.

Haberá unha liña destinada ao sector servizos para realizar proxectos de fotovoltaica (5,3M€) e eólica (280.000 euros), ambas as dúas con ou sen almacenamento; unha segunda para outros sectores produtivos que contará con 11M€ para fotovoltaica e 580.000 euros para eólica, tamén con ou sen almacenamento; e por último, apoiarase o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes tanto no sector servizos como noutros sistemas produtivos con 2,6M€.

As axudas, de concorrencia non competitiva e financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, contarán cunha porcentaxe que oscilará do 15 ou 65% en función do tamaño da empresa, do tamaño do proxecto e da tecnoloxía.

Grazas a estes apoios, agárdase mobilizar 60M€, conseguir aforros anuais de 65.000 MWh/ano, así como unha redución de emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, equivalente á acción de 1.150.000 árbores. Ademais, a redución dos custos enerxéticos das empresas contribuirán á reactivación económica e á mellora da súa competitividade, nun momento no que a escalada de prezos está dificultando que moitas empresas poidan facer fronte á factura eléctrica. Á vez, o uso das enerxías renovables permitirá unha mellora ambiental e da calidade de vida da sociedade.

Con estas axudas, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación dá continuidade ás actuacións que leva anos desenvolvendo tanto para impulsar o uso das enerxías renovables como para fomentar o autoconsumo. De feito, este ano activáronse 15,85M€ en liñas de apoios destinadas tanto aos fogares, como ás empresas e administracións, ás que se suma esta nova convocatoria plurianual que se desenvolverá entre 2021 e 2024.

 

Imaxes relacionadas