A Xunta avoga por favorecer a dixitalización do comercio galego a través de medidas de apoio e formación

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe nunha xornada da Cámara da Coruña dedicada ao comercio minorista

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta tarde por videoconferencia na presentación do webinario Aproveita o poder do storytelling para vender máis no teu negocio, organizado pola Cámara de Comercio da Coruña dentro do programa de apoio ao comercio minorista 2021. Nela destacou a aposta do Goberno galego por favorecer a dixitalización do sector a través de medidas de apoio e de formación, como a ofrecida na xornada de hoxe.

Durante a presentación, o director tivo ocasión de trasladarlles as iniciativas que desde a Xunta se están adoptando para impulsar a súa recuperación, como o Bono Activa Comercio, pensado para incentivar o consumo e que xa leva permitido mobilizar 21M€ en compras.

Ademais, a Administración autonómica mantén a súa aposta pola modernización do comercio de proximidade con apoios como as axudas dirixidas a impulsar a estratexia dixital deste sector e dos obradoiros de artesanía que chegaron este ano a preto de 800 beneficiarios.

Grazas a estas axudas de 5M€, desenvolveranse máis de 2300 actuacións entre as que se atopan a implantación dun xestor de redes socias, creación de páxinas web con venda en liña, publicidade en medios dixitais, así como a mellora da imaxe dixital, márketing 4.0, loxística dixital ou participación en feiras dixitais.

Imaxes relacionadas