O DOG publica o inicio dos trámites para a rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos, en Santiago, que suporá un investimento autonómico de 1,8 M€

Trátase de desenvolver as actuacións necesarias para executar as obras de restauración, mellora da envolvente térmica e distribución interior do edificio que alberga a oficina de Turismo da Xunta e a Secretaría Xeral de Emigración

O departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé a licitación desta actuación de recuperación do patrimonio da Xunta antes de final de ano, para a súa execución en 2022

Os traballos comprenden o illamento térmico do conxunto do edificio e a modificación da distribución interior deste inmoble da cidade histórica
 

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o inicio das actuacións para a rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos nº 15, en Santiago, que suporá un investimento autonómico de 1,8 millóns de euros.

Trátase de desenvolver as actuación necesarias para a execución da obras para de restauración, mellora da envolvente térmica e distribución interior dos espazos deste edificio situado na cidade histórica, que alberga as dependencias da Oficina de Turismo da Xunta e tamén da Secretaría Xeral de Emigración. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a resolución: https://bit.ly/2Yt1lYv

O departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé a licitación desta actuación de rehabilitación do patrimonio da Xunta antes de finais de ano, para a súa execución en 2022. O prazo das obras é de 8 meses.


O detalle das actuacións

O edificio da praza de Mazarelos está ocupado actualmente na planta baixa pola Oficina de Turismo da administración autonómica, e o resto desa mesma planta, así como a primeira e segunda, acolle as dependencias da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta.

Na actualidade, o edificio carece de illamento térmico, detectándose ademais unha serie de deficiencias tanto nas fachadas como nas cubertas, debidas á deterioración provocada polo paso do tempo, o que supón un foco de filtracións e humidades que provocan perdas de calor, ademais de reducir os niveis de salubridade e confort.

Para resolver estas deficiencias, a Xunta ten proxectadas distintas actuacións, tanto na envolvente do edificio como no seu interior.

Respecto á envolvente, acometeranse traballos de restauración e mellora nas cubertas inclinadas, que incluirán a colocación de illamento térmico, capa impermeabilizadora e soporte da nova tella cerámica curva, xunto coa execución de canlóns ou substitución, segundo o caso.

Nas fachadas, realizarase o tratamento da sillería, cornixas, relevos e jambas, e hidrofugado; colocarase ademais un sistema de illamento térmico polo exterior nas zonas lisas do revestimento existentes.

Tamén se substituirán as carpinterías de madeira por carpinterías de madeira de castiñeiro laminado, e procederase ao illamento de planta soto, que actualmente se atopa en contacto directo co terreo.

Respecto aos traballos no interior, prevese a colocación dun novo ascensor eléctrico, de baixo consumo, en substitución do hidráulico, que ademais chegará a planta soto. Modificarase a distribución interior do edificio, sen afectar á estrutura vertical e horizontal do mesmo, cun cambio das tabiquerías, teitos e pavimentos.

Ademais, substituiranse as instalacións do edificio, sendo as máis relevantes a electricidade, a iluminación e a climatización. Disporase, así, de nova iluminación con tecnoloxía led, un sistema de climatización (calor-frío) e renovación para todo o edificio, acorde á nova distribución.