O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na asemblea da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia no Centro Don Bosco

A Xunta inicia a tramitación do Consello Galego de participación infantil e adolescente

A publicación no Portal de Transparencia da consulta pública do regulamento que rexerá as bases e o funcionamento deste órgano busca implicar ás entidades do sector

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia vén de iniciar a tramitación do Consello Galego de Participación infantil e Adolescente, que recollerá ideas e necesidades da mocidade galega mediante as cales impulsar estratexias e iniciativas á súa disposición. Así o anunciou esta mañá o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, durante a súa intervención na asemblea da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), celebrada no Centro Don Bosco.

A publicación da consulta pública do regulamento que rexerá a constitución e o funcionamento deste órgano autonómico no Portal de Transparencia do Goberno galego é o primeiro paso dun proceso no que a Xunta de Galicia quere implicar ás entidades do sector na comunidade. O obxectivo é fomentar a súa participación e recoller as súas achegas e suxestións para acadar o maior consenso posible á hora de elaborar o documento.

O Consello Galego de Participación Infantil e Adolescente é unha solicitude reiterada pola mocidade que permitirá conseguir máis cohesión e concienciación no conxunto da sociedade galega sobre a necesidade de protexer os dereitos da infancia e da adolescencia. Así, este órgano estará conformado polos participantes nas comisións locais que pertenzan ao programa Cidades Amigas da Infancia e buscará solucións para as diferentes dificultades ás que se enfronta a mocidade desde o consenso e a colaboración.

Cidades amigas da Infancia

Neste sentido, cabe salientar que nos últimos anos o número de localidades galegas adheridas ao programa Cidades Amigas da Infancia pasou dunha, Castrelo de Miño, a dez coa incorporación dos concellos de Teo, Cabanas, Carnota, Moeche, Redondela, Tomiño, O Porriño e Ourense e a máis recente de Ponteareas.

Imaxes relacionadas