Ethel Vázquez avanza que a Xunta completará o investimento de 20 M€ na fachada marítima da Coruña cun equipamento público ao servizo da cidade en terreos portuarios

Vázquez Mourelle concreta que a ‘Comisión Porto-Cidade’ decidirá sobre o uso e sobre o ámbito deste equipamento que impulsará a Xunta

Garante que o Goberno galego achegará, ademais, o financiamento do 20% dos custos de adquisición e urbanización dos terreos de Batería e Calvo Sotelo, de acordo coa proposta do Concello e conforme á Lei do solo

Ethel Vázquez sinala que hai máis espazos portuarios por recuperar, polo que ademais de adquirir o solo e urbanizalo cómpre planificar as actuacións concretas para que esas zonas teñan unha utilidade pública de interese
 

A Coruña, 4 de outubro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta completará o investimento de 20 millóns de euros que ten comprometido na recuperación da fachada marítima coa construción dun equipamento público ao servizo da cidade en terreos portuarios.

Vázquez Mourelle participou na xuntanza convocada polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, para continuar avanzando cara ao acordo para iniciar canto antes a recuperación dos espazos portuarios e poñelos ao servizo dos cidadáns.

Nese encontro, a conselleira garantiu que a Xunta investirá na fachada marítima da Coruña os 20 millóns de euros que ten comprometidos desde o ano 2018, participando no financiamento da adquisición e urbanización dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo e, ademais, impulsando un equipamento público de interese para os coruñeses.
Concretou que será esta mesma ‘Comisión Porto-Cidade’ o foro que decida sobre o uso e o ámbito concretos desde equipamento público que quere desenvolver a Xunta nos terreos portuarios da Coruña.

Salientou que a recuperación da fachada marítima, asociada ao desenvolvemento do Porto Exterior, leva sobre a mesa desde o ano 2004, un total de 17 anos, polo que cómpre comezar a materializala xa de forma efectiva.

Neste sentido, recordou que o compromiso do Goberno de España coa licitación do tren ao Porto Exterior, un logro acadado polo presidente Feijóo, debe facerse realidade canto antes para aproveitar a oportunidade de financiamento dos fondos europeos e facilitar a liberación de novos espazos portuarios interiores.

A responsable de Infraestruturas reiterou a aceptación por parte da Xunta da proposta do Concello de adquirir, con recursos municipais, o 75% dos terreos de Batería e Calvo Sotelo.

Para permitir a recuperación dese espazo, trasladou a disposición autonómica a adquirir o 20% dos custos da compra, achegando a Autoridade Portuaria o 5% restante e repartíndose nas mesmas porcentaxes os custos de urbanización, conforme a Lei do Solo.
A conselleira reiterou que a Xunta achegará as contías económicas necesarias para financiar o 20% dos custos de adquisición do solo e de urbanización de Batería e Calvo Sotelo.

No encontro de hoxe abordouse o convenio entre as distintas administracións para concretar a recuperación desta chamada ‘zona 1’ dos peiraos interiores, quedando emprazadas para un novo encontro nas vindeiras semanas.

Ethel Vázquez sinalou que hai máis espazos portuarios por recuperar, polo que ademais de adquirir o solo e de urbanizalo cómpre planificar as actuacións concretas a desenvolver para que eses espazos gañados para a cidade teñan unha utilidade pública de interese.
 

Imaxes relacionadas