A Xunta inicia as obras de mellora e acondicionamento das instalacións da estación de autobuses da Estrada

Os traballos, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, inclúen a envolvente do edificio, a cuberta e as fachadas

A intervención tamén abrangue a limpeza e o acondicionamento da cuberta ou das baixantes, así como a retirada dos sinais en mal estado

Revisarase a instalación eléctrica do edificio e mellorarase a accesibilidade da zona de estacionamento dos autobuses
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021

A Xunta inicia as obras de mellora e de acondicionamento das instalacións da estación de autobuses da Estrada.

Estes traballos, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, inclúen a envolvente do edificio, a cuberta e as fachadas.

A intervención centrarase na limpeza e no acondicionamento da cuberta e das baixantes do edificio. Tamén se procederá ao desmonte e á retirada da cartelería e os sinais en mal estado, así como á eliminación do óxido nos piares do acceso.

Ademais realizarase a revisión e a posta a punto da instalación eléctrica do edificio, así como a mellora da accesibilidade da zona da área de estacionamento dos autobuses.

Esta actuación responde ao compromiso da Xunta de realizar estas obras como paso previo á cesión da actual estación de autobuses ao Concello.

A estación de autobuses da Estrada foi construída no ano 1995 e no ano 2009 habilitouse unha área de estacionamento anexa á terminal. Esta última actuación, permitiu que no edificio se puidesen levar a cabo outras actividades compatibles que excedían do mero uso deste inmoble como estación.

O Concello da Estrada, co obxectivo de destinar as instalacións da terminal a outros usos públicos, solicitou á Xunta a súa reversión.

Unha vez se culminen os trámites da resolución do contrato de explotación do servizo público da estación de autobuses por un lado, e da reversión da estación ao Concello da Estrada polo outro, a Administración local ten previsto levar a cabo obras no edificio para adaptalo aos seus futuros usos.
 

Imaxes relacionadas