O circuíto da Xunta 'Cultura no camiño' congregou 80.000 persoas nas máis de 650 actuacións ofrecidas en 164 concellos

O programa pechou a semana pasada a súa novena edición, na que desde mediados do mes de xullo participaron unhas 240 formacións galegas de teatro, danza, música, novo circo e maxia dentro da programación do Xacobeo 21-22

O Goberno galego investiu 1M€, un 33% máis que o ano pasado, nas subvencións para contratacións artísticas por parte das entidades locais participantes

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021

Máis de 80.000 persoas gozaron dos espectáculos programados este verán ao abeiro do circuíto da Xunta de Galicia Cultura no camiño, que a semana pasada puxo fin á súa novena edición despois de ter ofrecido máis de 650 actuacións desde mediados do mes de xullo nos 164 concellos adheridos. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia volveron colaborar no seu desenvolvemento, para o que se contou tamén co patrocinio de Gadis e que implicou a contratación de 240 formacións galegas de teatro, danza, música, novo circo e maxia.

Malia as limitacións da capacidade en cumprimento das medidas sanitarias vixentes en cada momento, a boa resposta por parte do público reforza o papel deste programa autonómico no impulso da dinamización cultural a través dunha oferta descentralizada de artes escénicas e de música, que desta volta se inseriu ademais na celebración do Xacobeo 21-22.

De feito, este ano rexistrouse un récord no número de entidades locais participantes, cun incremento do 25% respecto ao ano pasado e de máis do dobre en relación á edición de 2019, así como un reforzo do investimento por parte do Goberno galego como unha das medidas do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19.

Nesta novena edición, a Xunta destinou 1M€ −un 33% máis que en 2020− a subvencionar a contratación por parte dos concellos de 240 compañías escénicas e grupos musicais de carácter profesional e con sede en Galicia. Por xéneros artísticos, ademais do teatro cunha cifra superior ás 220 funcións, destacou a forte presenza da música con preto de 200 concertos, o novo circo con 130 citas e a maxia cun centenar de actuacións.

Imaxes relacionadas